Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “engurras

Doentes e engurrados

Temos pendente informarvos do resultado final de varios dos premios dos que vos temos falado nas últimas semanas. Por exemplo, de quenes foron os gañadores dos Premios Mestre Mateo 2012, dados a coñecer o pasado 28 de abril na cidade da Coruña.

As grandes triunfadoras da noite, con 5 galardóns cada unha foron dúas longametraxes: Doentes

e Engurras (xa vos falamos desta película de animación hai unhas semanas neste blogue).

A primeira delas acadou os premios á mellor longametraxe de ficción, ao mellor intérprete masculino protagonista para Antonio Durán “Morris”, dirección de producción, dirección artística e fotografía. A segunda, os de mellor longametraxe de animación, guión, dirección artística, son e música orixinal.

Moi de cerca seguiunas a serie Matalobos, que resultou premiada en catro ocasións. A longametraxe documental Tralas luces e a película para televisión Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde acadaron tres premios cada unha.

A destacar tamén a concesión do premio de mellor programa de televisión para Zigzag diario e o recibido por Roberto Vilar como mellor comunicador de televisión.


Goyas engurrados

O vindeiro sábado celébrase a ceremonia de entrega dos Premios Goya, polo que imos aproveitar para falarvos dunha coprodución galego-catalá que opta a 2 galardóns: o de Mellor Película de Animación e o de Mellor Guión Adaptado. Trátase do filme de animación Engurras, baseada no cómic homónimo de Paco Roca, gañador do Premio Nacional do Cómic 2008.

A cinta, dirixida a un público adulto a pesar de que o feito de ser unha película de animación nos puidese facer pensar o contrario, conta a historia de Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico.

Emilio, un director de banco xubilado enfermo de Alzheimer, é levado polo seu fillo a unha residencia de anciáns. Confuso pola súa nova contorna e desorientado, sofre regresións a etapas anteriores da súa vida. Emilio atopa un apoio inesperado en Miguel, o seu compañeiro de habitación, e xuntos utilizan todo tipo de trucos para que os médicos non se dean conta da progresiva deterioración de Emilio. Nesta loita por seguir activos como persoas e manter a súa dignidade, os dous construirán unha autentica e profunda amizade.

E como xa están dispoñibles na rede algúns fragmentos da versión na nosa lingua do filme, aquí volos deixamos, para que podades facervos unha idea de por que está a recibir tan boas críticas (mesmo chegou a estar entre as dezaoito preseleccionadas aos Oscars na categoría de mellor película de animación).