A Canción d10z! (Semifinais)

Xa queda pouco para coñecer cal é, para os maiores do noso cole, a canción d10z destes anos 10. Estamos en semifinais!
A rapazada vén de decidir que a 1ª semifinal enfronte o hip hop d’A Catapulta de Dios Ke Te Crew coa balada rock Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus.
A 2ª terá un carácter marcademente reivindicativo, urbano e xuvenil: os ponteareáns SonDaRúa co seu Liberando mentes ante os coruñeses Ezetaerre e o seu aviso de que Non é verán de Estrella Damm.
Manterémosvos informados. A gran final agarda!
A Canción d10z (Cuartos de final)
Nós xa temos cuartos de final!
As nosas rapazas e os nosos rapaces votaron hoxe as eliminatorias de oitavos (por aquí temos que ir un chisco máis rápido, que o ano remátano antes 😜), e decidiron que os seus cuartofinalistas sexan Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew, Eladio y Los Seres Queridos, Heredeiros da Crus, Skandalo GZ, SonDaRúa, Ezetaerre e Iván Ferreiro.
Só quedan 8! Cal acabará sendo a nosa canción d10z?
Dezaseisavos de final: Dakidarría ou Dios Ke Te Crew
Aquí crúzanse dous grupos que ao longo destes anos foron converténdose en dous clásicos da nosa escena.
A comezos da década os Dakidarría lanzaban este Terra, un tema no que recorren media Galicia comezando polo Cabo de Ortegal, como podemos ver neste vídeo no que atoparedes a outros grandes da música en galego como Javi Maneiro dos Heredeiros da Crus, Xurxo Souto d’Os Diplomáticos de Montealto ou García MC, por aquela compoñente do grupo que vén a continuación.
Terra
Dakidarría
Utopías emergentes (2011)
Pioneiros do hip hop na nosa lingua son estes Dios Ke Te Crew que rematan a década con ánimos renovados publicando un novo álbum no que inclúen esta auténtica bomba sonora que é A catapulta. 💣
A catapulta
Dios Ke Te Crew
O ciclo da serpe (2019)
Dezaseisavos de final: Ezetaerre ou Labregos do tempo dos Sputniks?
A 4ª e última eliminatoria desta semana conduce a rutas máis urbanas.
A “construír outro verán” é ao que nos anima o rap dos Ezetaerre, que no 2017 deron resposta con este temazo cheo de crítica social aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.
Non é verán de Estrella Damm
Ezetaerre
Non é verán de Estrella Damm (Single) (2017)
Un ano antes, os Labregos do tempo dos Sputniks recolleron no seu álbum Libremente varios anos de traballo tanto colectivo como dos seus membros por separado. García MC, compoñente tamén duns Dios Ke Te Crew que igualmente nos han visitar nas próximas semanas, xa adaptara o poema de Lois Pereiro ao redor do que se constrúe o tema que aquí vos traemos no seu traballo de 2012 Abaixo e De Pé. A súa voz e a d’O Leo únense aquí para levar por novos vellos camiños a obra do poeta monfortino.
Amor e sangue en Chiapas
Labregos do tempo dos Sputniks
Libremente (2016)
Celso Emilio ke te crew
Marchamos uns días. Vémonos despois do entroido. Ata o xoves deixámosvos con (de novo) Celso Emilio Ferreiro, esta vez interpretado polos Dios ke te crew. E é que neste Ano Celso Emilio non podiamos deixar pasar máis tempo sen presentarvos a fantástica lectura que do seu célebre poema Deitado frente ao mar… fixo este grupo de hip hop ordense.
Deitado frente ao mar
Dios Ke Te Crew
Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía Sonora (2008)
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…Celso Emilio Ferreiro: “Longa noite de pedra” (1962)
Porque si, porque nos gusta.
Comentarios recentes