A Ciencia, tamén en…
Iniciamos a celebración do Día da Ciencia en Galego, que coma sempre transformamos na Semana da Ciencia en Galego no Lestonnac, compartindo o vídeo que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración dos nenos e nenas do colexio, elaboramos para a ocasión.
A temática elixida conecta coa que escolleu a Institución Galega de Ciencia para este X Día da Ciencia en Galego, que xira ao redor da declaración de 2019 como Ano Internacional das Linguas Indíxenas. A nosa mensaxe: “A Ciencia, tamén en…”.
A ciencia, tamén nas linguas rexionais ou minoritarias. A ciencia, tamén en aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish… Tamén en galego!
A Táboa Periódica, tamén en galego
Hoxe, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac, queremos iniciar a celebración do Día da Ciencia en Galego e do que será a Semana da Ciencia en Galego no noso colexio compartindo un vídeo que elaboramos coa axuda de nenas e nenos de todos os cursos. Nel adiantámonos á celebración, o vindeiro ano 2019, do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos, tal e como o proclamou a Organización das Nacións Unidas.
A Táboa Periódica… tamén en galego. Esperamos que vos guste!
Semana da Ciencia en Galego
O pasado 4 de novembro celebrouse o VII Día da Ciencia en Galego, adicado este ano á figura de Cruz Gallástegui Unamuno (aquí podedes descubrir o por que).
Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega quixemos facer a nosa pequena aportación a esta celebración, propoñéndolle ao profesorado das materias de ciencias o uso do galego como lingua vehicular durante a semana do 7 ao 11 de novembro.
Hoxe é o Día da Ciencia en Galego
Hoxe, 4 de novembro, celébrase o II Día da Ciencia en Galego, unha conmemoración organizada por tres asociacións de ensinantes da nosa comunidade: AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática), ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia) e APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia).
Dado que este 2011 é, coincidindo co centenario da concesión do premio Nobel de Química a Marie Curie, o Ano Internacional da Química e dado que a científica polaca foi a primeira muller en recibir un destes premios (así como a primeira persoa en recibir dous), a celebración deste ano céntrase non só nesta disciplina, senón tamén no papel da muller na ciencia. Ademais de lembrar a figura de Marie Curie, neste II Día da Ciencia en Galego tamén se homenaxea a María Wonenburger, toda unha figura mundial das matemáticas que naceu en Oleiros hai 84 anos.
Se desexades máis información sobre este II Día da Ciencia en Galego, podédela atopar na páxina cienciaengalego.org.
Comentarios recentes