Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “celso emilio ferreiro fotobiografía sonora

Celso Emilio ke te crew

Marchamos uns días. Vémonos despois do entroido. Ata o xoves deixámosvos con (de novo) Celso Emilio Ferreiro, esta vez interpretado polos Dios ke te crew. E é que neste Ano Celso Emilio non podiamos deixar pasar máis tempo sen presentarvos a fantástica lectura que do seu célebre poema Deitado frente ao mar… fixo este grupo de hip hop ordense.

Deitado frente ao mar
Dios Ke Te Crew
Celso Emilio Ferreiro. Fotobiografía Sonora (2008)

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

Celso Emilio Ferreiro: “Longa noite de pedra” (1962)

 Porque si, porque nos gusta.