EEEiiii!! Imos ao cine?
É que teño gañas de ver Crebinsky, a longametraxe de producción galega que vén de estrearse o pasado venres en salas de toda España tras colleitar un importante éxito no Festival de Málaga, onde foi premiada coa Biznaga de prata ao mellor guión novel e o premio Signis.
As choivas torrenciais provocan a enchente do río, que inunda un pobo. A corrente arrastra ós irmáns Crebinsky e a súa vaca, que aparecen milagrosamente vivos nun lugar da costa.
Crecen alí, ao pé dun faro, a base de sobrevivir recollendo cousas que trae o mar, as crebas. Illados dos acontecementos bélicos que lles rodean, crean o seu propio mundo: Un universo particular de realismo fantasioso.
O ritmo cotiá de convivencia coa súa vaca Muchka, vese alterado cando esta desaparece.
É entón cando os irmáns inician unha busca desesperada que os levará da costa cara ó interior.
Unha road movie auténtica, unha viaxe interior de encontros inesperados, sentimentos ocultos e recordos borrados.
Sen saber onde van, rematan descubrindo de onde veñen.
Rodada entre o Ortegal, Santiago e Portomarín en catro idiomas! (galego, castelá, inglés e alemán (e algunha palabriña en ruso tamén)), a cinta está dirixida por Enrique Otero e protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta. Ademais, conta no seu reparto con actores como Luís Tosar ou Celso Bugallo.
Botádelle un vistazo ao seu trailer
e ao making of.
Se desexades máis información, visitade crebinsky.com. Alí poderedes atopar máis imaxes, máis vídeos, mostras da banda sonora e as últimas novas relacionadas co filme.
Un saúdo!
Comentarios recentes