Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “cedeira

Dezaseisavos de final: Guadi Galego ou Iván Ferreiro

O mar bate contra esta 8ª eliminatoria. 🌊

O mar de Cedeira que nos trae unha das voces máis importantes da nosa música, a de Guadi Galego, nunha canción publicada por vez primeira no ano 2016 e da que vén de gravar unha nova versión acompañada precisamente do outro protagonista deste enfrontamento: Iván Ferreiro.

Cedeira
Guadi Galego
O mundo está parado (2016)

Un mar que tamén está presente na sintonía que o músico vigués compuxo para a cabeceira de Fariña, a serie de televisión que conta a historia do narcotráfico no noso país na década dos 80, e que logrou traspasar as fronteiras da pequena pantalla para convertirse en todo un himno na Galicia de comezos de 2018.

Fariña
Iván Ferreiro
Fariña Misturas (2018)


Samaín: dende Cedeira a Galicia enteira

Avisámosvos con tempo, porque hai que ir buscando actividades para esta terrorífica ponte que nos vén encima. Terrorífica porque a noite do Samaín está á volta da esquina. E que mellor forma de celebralo que pasarse por Cedeira, alí onde a celebración celta do Samaín se recuperou e dende onde se extendeu a toda Galicia.

Ano tras ano, a Asociación de Amigos do Samaín achéganos un completo programa de actividades, que este ano se aglutinan en torno á data do 29 de outubro (sábado), para que todos (cantos máis mellor) poidamos desfrutar del. Xa imos pola vixésimo segunda edición!

PROGRAMA DA XXII FESTA DE SAMAIN

CEDEIRA 2011

O VENRES DÍA 28 DE OUTUBRO, ás 6 da tarde no paseo do Pinzón faremos o Fiadeiro das Castañas e Obradoiro de Caliveras, onde teremos zonchos preparados para que fagades os collares.
Ademais, a partir das 8 da tarde terá lugar, un espectáculo de circo, musica e humor a cargo do grupo Ringo Rango, espectáculo cómico ao límite do absurdo onde todos habemos pasar momentos ben divertidos.
E ás 10 da noite, no medio do río faremos o acto de inauguración do Samaín 2011, coa xa tradicional Queima da Cabaza.

SÁBADO 29 DE OUTUBRO – FESTA DE SAMAÍN
A partir das 5 da tarde, no Paseo do Pinzón, comezaremos a anotar os melóns para o Concurso Exposición, no que coma sempre, premiaranse aqueles que máis chamen a atención, polo seu tamaño, a súa orixinalidade, beleza natural, simpatía…

Os que queirades participar na Ginkana tamén vos podedes ir apuntando, finaliza para os máis “votados pa diante” cunha visita á Casa das Ánimas.

Obradoiro de Maqueado, a cargo de Fusa para deixarvos a cara “samainera”

Merendola de Outono, con bola de azucre e requeixo, son dous clásicos da festa que nesta ocasión non han de faltar.

Ao longo da tarde, teremos contacontos a cargo de Ni fú ni fá animación e actividades de animación con Anima Rúa

No lus con fus, a iso das oito e media, máis ou menos, sairá do Paseo a Pasarrúas das Pantasmas que con todas as luces apagadas percorrerá os currunchos máis escuros da vila, e se as pantasmas están de leria, levarannos por onde elas queiran. Deixádevos levar…e ao seu remate faremos a Entrega de Premios do Concurso Exposición, non quedando xa senón darnos entre todos o De Hoxe nun Ano e preguntarnos: ¿ Qué hai na praza? e contestarnos: ¡Papel de estraza! e así concluírmos: Cada un que se retire pra a súa casa.

MARTES 1 DE NOVEMBRO, ás 8 da tarde no auditorio municipal a función “Mackie, o Navallas” do grupo Bartoleta de Ferrol

Que me dicides? Véxovos na vila?