Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “cartas de inverno

10.103.409

10.103.409. Esa é a cifra de exemplares vendidos alcanzada pola editorial Xerais ao remate de 2011. 10.103.409 libros dende a súa fundación o 5 de outubro de 1979: 306.164 exemplares ao ano, 68.731 ao mes, 856 ao día.

O acadar os dez millóns de exemplares vendidos é todo un fito para esta histórica editorial, que tanto leva feito pola normalización da nosa lingua ao longo dos seus máis de 32 anos de existencia.

E cales foron os títulos máis vendidos durante todo este tempo? Pois de entre os máis de 3.000 que levan publicados dende 1979, a propia editorial destaca dúas novelas: O lápis do carpinteiro, de Manuel Rivas, con 81.200 exemplares vendidos,

e, no campo da literatura infantil e xuvenil, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, con cerca de 81.000.

Iso si, ningún deles lle fai sombra á gran estrela do catálogo de Xerais. Con… máis de 350.000! exemplares vendidos… o Pequeno Dicionario Xerais! Coñecédelo, non?

A que si?


Que están lendo en… 1º da ESO? Cartas de inverno

Cartas de Inverno
Agustín Fernández Paz
(1995)

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.