A música que leva dentro o Galeoke Vol. 2
O ano pasado xa vos falamos do Galeoke, ese fantástico xogo de karaoke consistente en acumular o maior número de puntos posible mentres cantamos temas en galego de artistas da nosa terra. E hai un par de meses presentáramosvos a marabillosa ilustración que figura na portada do seu segundo volume, obra, coma a do primeiro, de Leandro. O que tiñamos pendente dende comezos de decembro, data na que se presentou ese segundo volume, era, ademais de avisarvos de que xa o podedes atopar nas tendas, traervos a listaxe de cancións que o compoñen, para que vos fagades unha idea aproximada da diversión que podedes atopar no seu interior.
21 temas do mellorciño da música na nosa lingua:
Radio Océano | Como o vento
Os Papaqueixos | O paraugas do José
Pilocha | O sancristán de Coimbra
Quempallou | En que terra me botaches
Heredeiros da Crus | Quero josar
Faltriqueira | Corpiño xeitoso
Blood Filloas | Superheroe
María Manuela | Manual do señorito (como non a atopei dispoñible na súa versión orixinal, aí vai interpretada por Xabier Díaz e Guillerme Fernández)
Nova Galega de Danza | Xota de Ribeira de Piquín (vía Spotify)
Chouteira | O ghai ghai
Sés | Admirando a condición
Pepe Vaamonde Grupo | Aires de Montillón
Emilio Rúa | Todo está por vir (vía Spotify)
Vaamonde, Lamas & Romero | Foliada de San Pedro de Visma
Leilía | Danza das Cortellas
Susana Seivane | Muiñeira de Alén (vía Spotify)
Os Carunchos | Galicia
Davide Salvado | Todo o corpo
Fía na Roca | Fía na roca
Saraibas | Ai, galeguiños! (Non dispoñible)
The Homens | Calamar
Desfrutádeos!
O último (que non o derradeiro) de The Homens
Hoxe é día de despedidas, aínda que vos imos falar dunha que non o é tanto, posto que non é definitiva.
A estas horas estase a celebrar no Cine Alovi de As Pontes o que será o último concerto dunha banda que durante os últimos sete anos se empeñou en demostrar (con éxito) que o galego é idioma para o power pop: os composteláns The Homens.
E é que o cuarteto viuse obrigado a facer unha paréntese na súa traxectoria. Como eles mesmos explican no seu blogue:
O concerto que The Homens daremos en As Pontes (Cine Alovi, 21.00 horas) o próximo venres 23 vai ser especial por varias razóns. Por un lado, será a primeira vez que toquemos na vila natal do noso batería, ilustre pontés e encargado da pirotecnia na romaría da Esfarrapa; para celebralo, faremos un programa ‘medio-medio’, coma os vermús dos profesionais, comezando cunminiset acústico e acabando en eléctrico desbocado.
Por outra parte, o bolo das Pontes vai ser o último que deamos nunha boa temporada. Xocas marcha un tempo para a emigración, así que o resto dos Homens pasaremos á clandestinidade e aproveitaremos para facer outras cousas, escribir cancións novas, engomar, sobrevivir, contribuír á revolución e reflexionar sobre a pesca da troita en América.
Gracias por todo. Seguiremos informando.
Así que dende Xavedes! decímoslles ata logo (adeus non!) botándolle un vistazo ao seu celebérrimo vídeo Calamar.
Calamar
The Homens
Tres (2007)
!
Comentarios recentes