É ou non é para estar orgullos@s?
Hai un par de semanas falámosvos dos Premios Mestre Mateo 2010. O que non vos dixemos é se nos fixamos na relación de candidatos, podemos atopar varios que o son grazas a actuacións intimamente relacionadas coa promoción da nosa lingua.
Unha desas candidaturas aspira a ser recoñecida como a mellor obra publicitaria. Trátase da campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego, da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que na súa vertente audiovisual está composta de dúas pezas: Orgullos@s do galego, que conta coa participación (ao 100%) de Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro
, e En galego, proba e verás, protagonizado por Isabel Risco.
Coñecéronse en Nova York. Ela é galega e el brasileiro e entendéronse perfectamente porque co galego se chega a todo o mundo.
É ou non é para estar orgullos@s?
Mundo Lois
Como xa saberedes (e se non quedades avisados), o vindeiro Día das Letras Galegas está adicado á figura do poeta monfortino Lois Pereiro.
Tempo haberá ata o 17 de maio de viaxar a través da súa obra, pero xa van chegando noticias de distintas actividades que terán lugar durante este ano. Unha das que máis chama a atención é Mundo Lois, un espectáculo escénico (cun importante peso audiovisual) baseado nos seus textos. Un espectáculo que xorde dunha idea do polifacético Antón Reixa (amigo do autor) e que está dirixido polo mugardés Lino Braxe.
Desde a superficie dun novo e imprevisto Salvamento
Sería a luz que me alagaba os ollos
da vida roubada á morte veciña
pero todos me apalpaban incrédulos
colléndome das mans.Todos aqueles que me amaran morto
amábanme máis vivo.Abríranse dúas portas en direccións opostas
e escollín a que se abría cara a vida
co sol entrando a eito polas fiestras.Tería que reanudarme
e regresar á miña propia vida
sen contaxiarme outra vez de min mesmo.Retocaría o guión
e mudaría outra vez de personaxe
retomando a perdida
aprendizaxe.Lois Pereiro: “Poesía última de Amor e Enfermidade (1992-1995)” (1995)
Mundo Lois vén de presentar a súa páxina web, mundolois.gl. Aquí vos deixamos a ligazón, para que lle podades botar un vistazo.
Comentarios recentes