Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “alalá

Mira ti se somos ricos

Navegando por internet ás veces aparecen estas curiosidades. Alomenos eu non a coñecía e polo menos un par das súas frases parécenme perfectos lemas para a defensa da nosa lingua: “Din que temos lingua […] Sácalla pra fóra, non a agoches máis” ou “se a nosa terra é nosa, a nosa fala tamén; mira ti se somos ricos”. Pódese dicir máis alto, pero non máis claro.  Non estaría mal como himno do Equipo de Dinamización, eh?

Coa lingua de fóra
Quempallou
Alalá (2007)

Xa levabamos ben tempo
Fodidos por ben de anos
Con aquilo de que había
Que falar o castejano

Pero o pobo nunca quixo
Que lle trocaran a fala
Dicindo que a súa é boa
E que a nosa é a mala

E que foi que foi, que foi que será
Din que temos lingua, e será verdá?
E será verdá, e será verdá
Sácalla pra fóra, non a agoches máis

Moito traballiño deu-e
Que trunfara a razónhe
Pra poder usar a lingua
Que nos sae do corazónhe

E-aghora que xa podemos
Con liberdade empregala
Non llo falamos ás nenas
Non sexa que saian parvas!

Úsana na vila e no Corte Inglés,
Usámola sempre, como ten que ser
Úsaa o tío Xan e o avó Miguel
Usámola todas, úsaa ti tamén

Que se a nosa terra é nosa
A nosa fala taménhe
Mira ti se somos ricos
Inda qu’algún non s’entere

… e aquí en Spotify (do disco Polo aire (2007)).


As cunchas, o pandeiro, as tarrañolas…

… a zanfona, o charrasco, a gaita… Na música tradicional galega coñécense máis dun centenar de instrumentos.

Hoxe querémosvos falar do traballo de Pablo Carpintero. Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (onde foi profesor de Bioquímica), pero tamén gaiteiro e artesán, é unha das principais figuras no campo da recuperación e conservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (coñecementos, instrumentos, tradicións…) galego. No ano 2009, Carpintero publicou o libro “Os instrumentos musicais na tradicións galega”, un completísimo traballo de investigación no que cataloga uns 150 instrumentos.

Nesta obra descríbese cada instrumento, como se constrúe, como se toca, de onde procede o seu nome… Dende as castañolas á pandeireta, dende as noces ao acordeón, sempre coa compaña das ilustracións do debuxante Ramón Marín e de gran cantidade fotografías.

O caso é que hai unhas semanas presentouse a versión interactiva deste libro que chegou a ser un dos máis lidos en lingua galega, unha versión dixital que enriquece a versión en papel coa incorporación de diferentes sons e vídeos e que se atopa dispoñible para todos nós na páxina web do Consello da Cultura Galega. Na seguinte ligazón: www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/. Botádelle un vistazo porque é, de verdade, unha verdadeira marabilla.

E se queredes coñecer mellor a Pablo Carpintero e o seu traballo, o mércores pasado foi o protagonista do programa da TVG Alalá. Pinchade aquí para reproducilo.