Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “alalá da noite

Dezaseisavos de final: Sabela ou Berrogüetto?

Visitamos agora os dous extremos dos anos dez.

Comezamos coa canción que primeiro se publicou de entre todas as seleccionadas. En xaneiro de 2010 saía á venta Kosmogonías, o derradeiro disco de estudio, xa con Xabier Díaz como vocalista, de Berrogüetto, probablemente a banda de música tradicional galega máis relevante das últimas décadas.

Alalá da noite
Berrogüetto
Kosmogonías (2010)

E para rematar a década, un disco que saía á venda o pasado xoves e co que Sabela, a rapaza d’As Pontes que se converteu na embaixadora da lingua galega nese clásico dos programas de telerrealidade que é Operación Triunfo, pretende facerse un oco na escena da música comercial española. Un álbum que se abre con este Despedida cantado, por suposto, en galego.

Despedida
Sabela
Despedida (2019)


A mellor canción de Manuel Rivas

Desde esta mañá coñécense os gañadores da XV Edición dos Premios da Música e, polo tanto, cal é, a xuízo dos membros da Academia das Artes e das Ciencias da Música, a mellor canción en galego de entre as publicadas o ano pasado.

E parece que coincide cos vosos gustos, posto que se trata de Alalá da Noite, de Berrogüetto.

Esta canción, composta por Quico ComesañaXabier Díaz, ten como letra un poema que Manuel Rivas lle enviou ao grupo como regalo tras o concerto no que este último se presentou como novo membro da formación.

Xa vos trouxéramos a canción, hoxe achegámosvos o poema que lle da a forma.

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.
No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se poidera afogare
na ardora dunha misteira.
O que eu soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Precioso, non?

(máis…)


E a mellor canción en galego é…

E seguimos con música… Onte coñecemos o nome dos finalistas da XV Edición dos Premios da Música, premios que entrega tódolos anos a  Academia das Artes e das Ciencias da Música. A representación galega exténdese ata varias das categorías principais, con varios artistas da nosa terra entre os nominados. Os vigueses Siniestro Total optan ao premio de Mellor Álbum de Rock co seu Country & Western, ao igual que os coruñeses Triángulo de Amor Bizarro e o seu Año Santo na categoría de Rock Alternativo e Iván Ferreiro na de Pop Alternativo con Picnic extraterrestre. Ademais, o álbum Solsticio de Luar na Lubre é candidato ao Mellor Álbum de Música Tradicional.

Pero hai unha categoría que nos interesa especialmente, a de Mellor Canción en Galego, cuxos finalistas son os seguintes:

  • Alalá da noite de Berrogüetto Spotify

*

[N. do A.: a calidade do vídeo non é a óptima e encadean dous temas (Alalá da noite e Astrea), pero paga a pena]

  • Derorán de Mercedes Peón Spotify | YouTube (só audio)
  • Negro caravel de Rosa Cedrón e Cristina Pato

Que vos parecen as finalistas? Agora que as coñecedes… por que non nos dades a vosa opinión?