Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Artigos etiquetados “adiós ríos adiós fontes

Acto das Letras Galegas 2020

Este ano non nos poderemos xuntar no salón para o noso tradicional Acto das Letras Galegas, pero iso non quere dicir que quedemos sen el. Será en formato virtual e reducido, pero puxémoslle as mesmas ganas de sempre.

O primeiro é rendirlle homenaxe ao autor. Aquí tedes unha pequena presentación que pretende resumir a achega que Ricardo Carvalho Calero fixo ás nosas letras e á nosa cultura:

Agora, unha sorpresa: o grupo Da Man, integrado polos nosos profesores Diego, Marta e Salva, interpreta esta adaptación aos tempos que corren do Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía musicado por Amancio Prada, obra da violonchelista Alessandra Gallo. Aquí podedes atopar a letra para que cantedes con eles este himno:

E outra sorpresa máis. A crise da COVID tamén nos deixou sen maios este ano, pero Elena vaille poñer remedio. Aquí nos trae este, especialmente dedicado para o alumnado de 5º de Primaria:

E así rematamos este acto virtual. Que soe o noso himno! 🙂


Adiós ríos, adiós fontes

Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

–Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

–prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

–muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

–amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

–¡Adiós groria! ¡Adiós contento,
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!

–Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
¡quen pudera no o deixar…!

………………………….

–Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n’é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.

–Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.

–Adiós, adiós, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.

–Adiós Virxe da Asunción,
branca com’un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.

–Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

–Xa se oien lonxe, máis lonxe…
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo…
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!

–¡Adiós tamén, queridiña…!
¡Adiós por sempre quizais…!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.

–Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás
tantas légoas mar adentro…
¡Miña casiña!, ¡meu lar!

Rosalía de Castro: “Cantares gallegos” (1863)


Bos versos nunha boa voz

Resulta canto menos curioso e sempre agradable escoitar unha nova versión dos versos de Rosalía de Castro na bonita voz dunha das figuras da canción folk. Todo un descubrimento, non si?

Adiós ríos, adiós fontes
Joan Baez
Vigo (2010)

[…]

Adiós, ríos; adiós, fontes;
adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

[…]