Non é verán de Estrella Damm, A Canción d10z!
Xa temos canción gañadora!
Os maiores do noso colexio decidiron nomear como mellor canción en galego dos anos 10, é dicir, como A Canción d10z! a Non é verán de Estrella Damm, dos coruñeses Ezetaerre.
Hoxe, despois de votar unhas disputadísimas semifinais (que se decidiron, ambas, por unha marxe estreitíiiiisima) Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus e o tema gañador disputaron a final do noso certame, nunha última votación que remataba unha actividade que veu ocupando as sesións de titoría das seis últimas semanas.
Nela, o noso esixente xurado decidiu premiar á este temazo cheo de crítica social co que os Ezetaerre deron resposta en 2017 aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.
E se o premio do xurado xa está outorgado, o do público aínda está por decidirse. O día de ano vello pecharemos a última das votacións que, de forma paralela, estamos propoñendo en Twitter. Animádevos a participar!
Terá a o mesmo resultado final? Para axudarvos a decidir, deixámosvos coa canción gañadora para os nosos rapaces e rapazas. Felices anos 20 a todos!
A Canción d10z! (Oitavos de final)
Xa están configuradas as eliminatorias de oitavos de final d’A Canción d10z!
Despois de 4 semanas nas que o noso alumnado foi coñecendo as 32 cancións participantes e elixindo as súas primeiras favoritas, agora podedes ver cal é o seguinte paso no camiño que nos leva ata a canción (en galego) 10 dos anos 10:
Lembrade que se tedes conta de Twitter vós tamén podedes participar no noso xogo votando nesa rede social polas vosas favoritas. Só tedes que entrar na nosa conta (@xavedes) e seguir o noso fío de votacións. Alí, despois das primeiras votacións, o cadro quedou un pouco distinto:
Animádevos a participar! Cales serán as nosas gañadoras?
Outras d10z! | Atrás Tigre
Hoxe, outro exemplo de pop d10z! Os composteláns Atrás Tigre lanzaron en maio de 2017 Fainos saír, o seu primeiro longa duración. Ábreno os emocionantes teclados de Tempo mecánica.
Dezaseisavos de final: Novedades Carminha ou Boyanka Kostova?
Estádesvos divertindo co noso xogo? Pois coas cancións da nosa última eliminatoria de dezaseisavos ídelo facer todavía máis.
Novedades Carminha é probablemente a banda galega de maior éxito da actualidade. E aínda que non se prodigan moito na nosa lingua, o seu Juventud infinita de 2014 incluía esta oda ao deporte de andar por casa que é Non quito o chándal.
Non quito o chándal
Novedades Carminha
Juventud Infinita (2014)
Nome deportivo (de levantadora de peso búlgara, concretamente) teñen tamén os Boyanka Kostova, pioneiros do trap galego, que nos traen este tema cheo de amor rural.
Leiraz
Boyanka Kostova
Vella canción galega (2018)
Dezaseisavos de final: Dakidarría ou Dios Ke Te Crew
Aquí crúzanse dous grupos que ao longo destes anos foron converténdose en dous clásicos da nosa escena.
A comezos da década os Dakidarría lanzaban este Terra, un tema no que recorren media Galicia comezando polo Cabo de Ortegal, como podemos ver neste vídeo no que atoparedes a outros grandes da música en galego como Javi Maneiro dos Heredeiros da Crus, Xurxo Souto d’Os Diplomáticos de Montealto ou García MC, por aquela compoñente do grupo que vén a continuación.
Terra
Dakidarría
Utopías emergentes (2011)
Pioneiros do hip hop na nosa lingua son estes Dios Ke Te Crew que rematan a década con ánimos renovados publicando un novo álbum no que inclúen esta auténtica bomba sonora que é A catapulta. 💣
A catapulta
Dios Ke Te Crew
O ciclo da serpe (2019)
A Canción d10z! (3ª semana)
Xa temos gañadores das eliminatorias 5, 6, 7 e 8 de dezaseisavos de final. Desta vez non houbo acordo, posto que se ben Malandrómeda, Heredeiros da Crus e SonDaRúa pasan á seguinte rolda en ambos cadros, o 4º cruce ten distinto vencedor: Iván Ferreiro para o noso alumnado e Guadi Galego para os nosos seguidores en Twitter.
A continuación podedes ver, ademais de como quedan as nosas dúas eleccións, os artistas que subimos ao noso xogo esta 3ª semana:
Nestes 4 novos enfrontamentos de dezaseisavos haberá que elixir entre cancións de Sés, Os Amigos dos Músicos, Ataque Escampe, Chicharrón, Sabela, Berrogüetto, Esteban & Manuel e Caxade. Pronto as teredes no noso blog, pero xa podedes gozar delas na nosa lista de reproducción en Spotify.
Lembrade que non só o noso alumnado decide: vós tamén podedes facelo votando nas enquisas que xa temos en marcha en en Twitter!
A Lista d10z!
Vimos de crear unha lista en Spotify para A Canción d10z!. Podedes atopala na seguinte ligazón:
Polo momento recolle as 16 cancións que iniciaron participación, seguídea para ver como se vai actualizando coas 16 restantes. 🎧
Dezaseisavos de final: Guadi Galego ou Iván Ferreiro
O mar bate contra esta 8ª eliminatoria. 🌊
O mar de Cedeira que nos trae unha das voces máis importantes da nosa música, a de Guadi Galego, nunha canción publicada por vez primeira no ano 2016 e da que vén de gravar unha nova versión acompañada precisamente do outro protagonista deste enfrontamento: Iván Ferreiro.
Cedeira
Guadi Galego
O mundo está parado (2016)
Un mar que tamén está presente na sintonía que o músico vigués compuxo para a cabeceira de Fariña, a serie de televisión que conta a historia do narcotráfico no noso país na década dos 80, e que logrou traspasar as fronteiras da pequena pantalla para convertirse en todo un himno na Galicia de comezos de 2018.
Fariña
Iván Ferreiro
Fariña Misturas (2018)
Dezaseisavos de final: Baiuca ou Malandrómeda?
O carácter galego na nosa 5ª eliminatoria de dezaseisavos de final.
Por un lado, a Morriña de Baiuca, o proxecto do catoirán Alejandro Guillán que tan acertadamente mestura a nosa música tradicional coa electrónica.
Morriña
Baiuca
Solpor (2018)
Por outro, que mellor para neutralizar ese sentimento melancólico que o día da festa que nos propón Malandrómeda. A canción é un dos cortes dun dos dous álbumes que publicaron en 2016 e que marcaron todo un fito na música cantada en galego ao alzarse ex aequo co primeiro posto da lista de álbumes nacionais dese ano da prestixiosa revista barcelonesa Rockdelux.
Bótalle caldo (Cumbia malandra)
Malandrómeda
Cada can que lamba o seu carallo (2016)
A Canción d10z! (2ª semana)
O noso alumnado vén de decidir cales son as cancións gañadoras das catro primeiras eliminatorias de dezaseisavos de final: Familia Caamagno, Eladio y Los Seres Queridos, Skandalo GZ e Ezetaerre son as bandas que pasan á seguinte rolda.
E houbo unanimidade, posto que as cancións gañadoras coinciden coas favoritas dos nosos seguidores en Twitter.
Sucederá o mesmo esta 2ª semana? No cadro podedes ver os artistas que entran en xogo, así como os resultados que vos acabamos de comentar:
4 novos cruces de dezaseisavos no que cancións de Baiuca, Malandrómeda, Heredeiros da Crus, NAO, Oh! Ayatollah, SonDaRúa, Guadi Galego e Iván Ferreiro se enfrontarán por facerse un oco nos oitavos de final. Irémosvolas presentando en sucesivos artigos.
O noso alumnado ten a palabra… e vós tamén. Animádevos a participar na nosa votación paralela en Twitter!
#ACanciónd10z
A andaina da Canción d10z xa comezou para o noso alumnado.
Rapazas e rapaces teñen ata o martes para emitir o seu voto, e vós… tamén. Se queredes participar na elección paralela que estamos levando a cabo en Twitter, só tedes que entrar no noso perfil nesa rede social e votar nas enquisas que temos en marcha para cada unha das eliminatorias.
1ª eliminatoria de dezaseisavos de final: Surfistas nazis, de @Familiacaamagno (https://t.co/sNqhkedqFM) Xardín interior, de Esposa (https://t.co/doUIHahBFd)?
— Xavedes! (@xavedes) November 13, 2019
2ª eliminatoria de dezaseisavos de final: Esta noite, de Narf e Manecas Costa (https://t.co/muIVfBxcIL) ou Non quero perderte, de @Eladioylosseres (https://t.co/Fjwhd0VyVZ)?
— Xavedes! (@xavedes) November 13, 2019
3ª eliminatoria de dezaseisavos de final: Abrindo camiño, de @punkskandalogz (https://t.co/0yF7z1IqWV) ou Rock do país, de @ruxeruxe (https://t.co/iJLKx4crVN)?
— Xavedes! (@xavedes) November 13, 2019
4ª eliminatoria de dezaseisavos de final: Non é verán de Estrella Damm, de @ezetaerre (https://t.co/ObpSiUj3Y7) ou Amor e sangue en Chiapas de Labregos do tempo dos Sputniks (https://t.co/DrFahjDxIR)?
— Xavedes! (@xavedes) November 13, 2019
Animádevos e participade vós tamén!
Dezaseisavos de final: Ezetaerre ou Labregos do tempo dos Sputniks?
A 4ª e última eliminatoria desta semana conduce a rutas máis urbanas.
A “construír outro verán” é ao que nos anima o rap dos Ezetaerre, que no 2017 deron resposta con este temazo cheo de crítica social aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.
Non é verán de Estrella Damm
Ezetaerre
Non é verán de Estrella Damm (Single) (2017)
Un ano antes, os Labregos do tempo dos Sputniks recolleron no seu álbum Libremente varios anos de traballo tanto colectivo como dos seus membros por separado. García MC, compoñente tamén duns Dios Ke Te Crew que igualmente nos han visitar nas próximas semanas, xa adaptara o poema de Lois Pereiro ao redor do que se constrúe o tema que aquí vos traemos no seu traballo de 2012 Abaixo e De Pé. A súa voz e a d’O Leo únense aquí para levar por novos vellos camiños a obra do poeta monfortino.
Amor e sangue en Chiapas
Labregos do tempo dos Sputniks
Libremente (2016)
Dezaseisavos de final: Skandalo GZ ou Ruxe Ruxe?
Sons máis contundentes para a nosa 3ª eliminatoria.
Punk e ska dende Ponteareas é o que nos traen os Skandalo GZ. O tema seleccionado, Abrindo camiño, un corte do seu LP de 2015 no que colabora Nervo, MC de Rebeliom do Inframundo (que en breve entrarán en liza tamén).
Abrindo camiño
Skandalo GZ
Abrindo camiños (2015)
E que dicir do rock tradicional de Ruxe Ruxe que non se teña dito xa ao longo das máis de dúas décadas que levan en activo. No 2012 trouxéronos este tema que resume á perfección a aposta desta banda compostelá.
Rock do país
Ruxe Ruxe
Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras (2012)
Dezaseisavos de final: Narf e Manecas Costa ou Eladio y Los Seres Queridos?
Se de algo vai sobrada a nosa 2ª eliminatoria é de beleza.
Por unha banda temos a Fran Pérez, Narf, (canto o bota de menos a nosa música!), acompañado do cantante e compositor de Guinea-Bissau Manecas Costa con Esta noite, un dos cortes de Aló irmao!, o disco que publicaron conxuntamente no ano 2010 e que gravaran ao vivo no Teatro Principal de Santiago uns meses antes.
Esta noite
Narf e Manecas Costa
Aló irmao! (2010)
Por outra está Non quero perderte, a adaptación ao galego que Eladio y Los Seres Queridos fixeron para o seu segundo álbum, Están ustedes unidos, dun tema que xa incluíran no seu disco de debut (aínda baixo o nome de Elodio y Los Seres Queridos). A peza, fermosa de por si, cobra toda unha nova dimensión nesta versión na nosa língua.
Non quero perderte
Eladio y Los Seres Queridos
Están ustedes unidos (2011)
❤️
Dezaseisavos de final: Familia Caamagno ou Esposa?
A primeira eliminatoria enfronta as melodías pop de Esposa, co toque garaxeiro da Familia Caamagno.
Os primeiros sorprenderon en 2016 con Señor de, un EP que foi considerado pola revista Mondosonoro como o mellor do ano na súa edición para Galicia-Castela e León. Ao ano seguinte lanzaban o seu primeiro longa duración Xardín interior, do que vos traemos a canción homónima, acompañada dese videoclip tan… difícil de describir. 😅
Xardín interior
Esposa
Xardín interior (2017)
Aos de Sigüeiro vimos procurando non perderlles a pista dende que nos marabillaron co seu debut de 2012. Banda festivaleira por excelencia, os seus directos son célebres máis aló das nosas fronteiras. Maniotas aseguradas! Con só escoitar o ritmo dos seus Surfistas nazis, xa vos faredes unha idea:
Surfistas nazis
Familia Caamagno
Hai que andar cos tempos (2014)
A Canción d10z!

A década está a piques de rematar. E non se nos ocorre mellor maneira de celebralo que lembrar as grandes cancións escritas no noso idioma que nos deixaron estes anos 10.
A iso se van dedicar os maiores do noso colexio ao longo das vindeiras semanas: a escoller, de entre unha serie de cancións que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega seleccionou para eles, a mellor canción na nosa lingua dos últimos dez anos. Con esta iniciativa buscamos que rapazas e rapaces se familiaricen coas expresións musicais actuais en galego, que se cadra descubran novos grupos favoritos, e finalmente que rachen cos prexuízos que reducen o uso do galego na música ao ámbito tradicional. Rock, hip hop, pop, ska, folk, electrónica… ata o trap estará presente nun cadro que iremos enchendo durante as próximas semanas e no que xa se poden ver os 8 primeiros artistas en liza.
32 cancións de 32 intérpretes do noso país publicadas entre 2010 e este 2019 iranse enfrontando entre si ronda tras ronda ata que só quede unha, que o noso esixente xurado nomeará como Mellor canción en galego da década. Unha canción de 10 para os anos 10.
Comentarios recentes