Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Teatro

Cipriano de Bequelar (Historia de amor e morte)

Este xoves tamén hai teatro en Narón. O colectivo Carrachanacacha (Aturuxo de Melpómene) trae ao auditorio do concello unha peza escrita e dirixida por Leandro Lamas: Cipriano de Bequelar (Historia de amor e morte).

O elenco actoral compóñeno Quique Vázquez, Lorena Montero, Paula Morado e Silvia Casal. A cita, este xoves 20 de Setembro ás 20:30 horas.

Advertisements

Bonecas

Hoxe traémosvos unha recomendación teatral. O xoves que vén estréase en Narón a obra Bonecas, escrita e dirixida por Jose L. Prieto e protagonizada por Celia González e Paula Morado.

Clara e Rebeca.
Dúas irmás nunha habitación pasan o tempo oscilando entre a comedia e a traxedia.
Son vítimas inconscientes do perigo que corren.
Son bonecas rotas… pero elas non o saben.

A cita é ás 20:30 horas no Pazo da Cultura do concello naronés. E se non vos cadra ben… que saibades que tedes outra oportunidade o venres 14 á mesma hora.


María Casares Total

Outros galardóns que se veñen de entregar recentemente (a semana pasada) son os XVI Premios de Teatro María Casares.

E cal foi a gran triunfadora? Pois este foi o ano do Grupo Chévere, posto que a súa obra Citizen Total logrou facerse con 5 dos 8 galardóns aos que optaba, entre eles o de mellor dirección para Xesús Ron e o de mellor espectáculo. As outras favoritas, A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego, e Oeste Solitario, de Produccións Teatrais Excéntricas, tivéronse que conformar con dous e tres premios respectivamente.

A relación completa dos gañadores é a seguinte:

Mellor maquillaxe: Trini Fernández Silva (A Ópera dos tres reás)

Mellor vestiario: Carlos Alonso (A Ópera dos tres reás)

Mellor escenografía: Paco Conesa (Piratas, de Teatro do Noroeste)

Mellor iluminación: Octavio Mas (Oeste Solitario)

Mellor música orixinal: Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total)

Mellor adaptación – tradución: Avelino González (Oeste Solitario)

Mellor texto orixinal en galego: Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Sechu Sende (Pelos na lingua, de Talía Teatro)

Mellor actriz secundaria: Mónica García (Citizen Total)

Mellor actor secundario: Vicente de Souza (Tango, de Sarabela Teatro)

Mellor actriz protagonista: Patricia de Lorenzo (Citizen Total)

Mellor actor protagonista: Evaristo Calvo (Oeste Solitario)

Mellor dirección: Xesús Ron (Citizen Total)

Mellor espectáculo: Citizen Total


Un Premio Max no Teatro Jofre

O luns pasado tivo lugar no madrileño Teatro Circo Price a cerimonia de entrega dos XV Premios Max das Artes Escénicas, outorgados pola SGAE.

A lingua galega tiña reservado un lugar de privilexio na cerimonia a través da categoría que premia ao Mellor Autor Teatral en Galego. Eran candidatos Santiago Cortegoso, por 0,7% molotov, Roberto Salgueiro por Memoria de Helena e María e Avelino González, Artur Trillo e María Ordóñez, por Pelos na lingua, resultando galardoados estes últimos, por unha obra que, precisamente, ten como eixo principal a nosa lingua.

Así que que mellor momento para recomendárvola, pois o vindeiro sábado tedes unha inmellorable oportunidade para disfrutar deste espectáculo de Talía Teatro. Cóllevos ben cerquiña, no Teatro Jofre.

A cita é ás 21:30 horas, e as entradas xa están á venda a un prezo de 5 €.


Os nomes dos María Casares

Acábanse de coñecer os nomeados aos XVI Premios María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que leva premiando á profesión teatral galega dende 1997 a través destes galardóns, fixo hoxe públicos os nomes dos finalistas.

A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego,

e Citizen Total, de Chévere,

encabezan os nomeamentos con 8 cada unha, seguidas de cerca por Oeste Solitario de Producións Teatráis Excéntricas con seis.

“E.R.” Algún día traballaremos xuntas (Teatro do Atlántico) en catro ocasións, O Florido Pénsil (Eme2 emoción e arte), Tango (Sarabela Teatro) e Piratas (Teatro do Noroeste), en tres, e Pelos na Lingua (Talía Teatro), American Café (Teatro do Morcego), Soños (Bichakadela) e 0,7% Molotov (Teatro de Ningures) tamén están entre os finalistas.

Se queredes saber se Citizen Total, O florido pénsil ou Oeste solitario conseguen o premio ao mellor espectáculo, se Avelino González por Pelos na lingua, Xesús Ron por Citizen ou Xúlio Lago por E.R. o premio ao mellor director, para saber se Antonio Durán “Morris”, Josito Porto (ambos por O florido pénsil) ou Evaristo Calvo (por Oeste Solitario) levan o premio ao mellor actor ou se a mellor actriz é Luísa Merelas (E.R.), Susana Dans (E.R. tamén) ou Patricia de Lorenzo (Citizen), ides ter que esperar ao vindeiro 3 de abril.


O Café de Melpómene

Tedes plan para este domingo? Dicímolo porque ese día (18 de setembro) a Asociación Teatral “O Aturuxo de Melpómene” estrea,  no Auditorio do Concello de Narón, a obra Café.

Dende aquí animámosvos a ir a vela.

Mirade que temos a unha ex-alumna do Lestonnac entre o elenco de actores! (como tiramos para casa, eh? ;) )


Un cranio premiado

Tiña pensado ter escrito antes sobre a gala de entrega dos Premios María Casares 2011, pero fóronse coando outros temas e…

Os Premios María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, levan premiando dende 1997 aos profesionais do teatro galego nunha gala que soe celebrarse ao redor dunha data especialmente relevante: a do Día Mundial do Teatro (que por certo foi este pasado domingo).

Así, o pasado mércores 23 celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da cidade da Coruña (cidade natal de María Casares, a célebre actriz galega que da nome aos premios) a gala correspondente á decimoquinta edición dos galardóns.

A presentación correu a cargo de Gonçalo Guerreiro e Pedro Brandariz, nos seus papeis do Doutor Crisè e o seu axudante Casemorro, acompañados dun monstruoso (nunca mellor dito) elenco de artistas.

A grande triunfadora foi Un cranio furado, de Produccións Teatrais Excéntricas (da que xa vos falamos no seu día) con catro premios: Mellor espectáculo, Mellor actor protagonista (Evaristo Calvo), Mellor actor secundario (Santi Romay) e Mellor escenografía.

Seguírona Life is a paripé, de Obras Públicas, e Trogloditas, de Taranxina Teatro, que marcharon con dous premios por cabeza. Super8, Volpone, Limpeza de sangue, Memorias das memorias dun neno labrego e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca obtiveron igualmente cadanseu galardón.

E se por un casual vendo a relación das obras a concurso vos animades a acercarvos ao teatro máis cercano, aquí vos queda unha axenda (se se pode chamar así) coas datas nas que algunhas delas visitan a nosa comarca (se sabedes dalgunha máis, non dubidedes en chamarnos a atención).

  • Life is a paripé (Obras Públicas): 3 de Abril no Auditorio Municipal de Cedeira e 9 de Abril no Pazo da Cultura de Narón

  • Memoria de Helena e María (Teatro do Atlántico): 1 e 2 de Abril no Teatro Jofre de Ferrol
  • Un cranio furado (Produccións Teatrais Excéntricas): 27 e 28 de Maio no Teatro Jofre de Ferrol

Seguir lendo >>


Pasatempo: un banco, unha farola, un parque…

Apetécevos algo de teatro? A Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón estrea hoxe o seu espectáculo de creación colectiva de 3º e 4º cursos Pasatempo. Dirixido por Pablo Sánchez e coa coordenación creativa de Jose Prieto, os creadores e intérpretes son Sabela AmadoIria AmeneirosSuso BarroFelipe CarballidoPatricia DoceIván González, Cristina Moreira, Paula Morado e Chus Prieto.

Dende aquí desexámoslles moita sorte. A cita: ás oito e media da tarde no Pazo da Cultura de Narón.


Un cranio furado

Esta fin de semana comeza a xira 2011 dun dos estreos máis relevantes do ano pasado no que ao teatro galego se refire. Trátase de Un cranio furado, a última produción de Excéntricas, e cóllenos ben cerquiña, pois represéntase en Narón, no Pazo da Cultura.

Seguir lendo >>