Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Recursos

O que todo galego debe saber do portugués. 9

E, por fin, o noveno capítulo: queredes saber como lles chaman aos días da semana en Portugal?


In English, please!

O noso idioma segue a romper barreiras. Vimos de coñecer unha interesantísima novidade no eido editorial: a publicación do primeiro gran dicionario bilingüe inglés-galego.

Publicado por 2.0 editora, o Diccionario moderno Inglés-Galego recolle nas súas máis de 20.000 entradas o vocabulario inglés de uso frecuente e as súas correspondencias para a nosa lingua.

A autoría corresponde a un equipo de especialistas en lexicografía da Universidade de Vigo, o equipo CLUVI, responsable á súa vez do Dicionario CLUVI Inglés-Galego, un recurso que está, dende hai tempo xa, dispoñible en liña para todos vós na dirección sli.uvigo.es/dicionario. Pinchade aquí ou na imaxe inferior e premede en Consultar dicionario, tecleade unha palabra en inglés ou en galego e farédesvos unha idea do que vos espera.

Very useful, don’t you think? – Moi útil, non credes? ;)


O que todo galego debe saber do portugués. 7

Xa imos pola sétima entrega.


Ortografía + Galego = OrtoGal

Máis recursos. Este é un corrector ortográfico en liña para o noso idioma que elaborou o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo. Chámase OrtoGal, e podédelo atopar na dirección sli.uvigo.es/corrector/.


O que todo galego debe saber do portugués. 5

Seguimos coñecendo as principais diferenzas entre o galego e a súa lingua irmá.


Texto: Traduciendo | Tradución: Traducindo

Aproveitamos para ir poñendo á vosa disposición algúns dos recursos relacionados coa nosa lingua que podedes atopar na rede.

Por exemplo, visitando www.xunta.es/tradutor, daredes cun sistema de tradución automática que vos permitirá traducir textos ou páxinas web completas do castelán ao galego e viceversa.

Algunha dúbida? :)


O que todo galego debe saber do portugués. 4

E chegamos á cuarta entrega:

Estavos resultando interesante?


O que todo galego debe saber do portugués. 3

Seguimos coñecendo as principais diferenzas existentes entre o galego e o portugués a través desta serie de episodios do programa Ben falado!


Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

E xa que cando vos presentamos o novo Diccionario da Real Academia Galega vos falamos das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aquí volas deixamos, por se lles queredes botar unha ollada:


O novo Dicionario da Real Academia Galega (non era sen tempo)

Non era sen tempo. Case que 11 anos despois da aprobación, o 12 de xullo de 2003, das novas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, xa (ou mellor, por fin!) temos á nosa disposición, para consultar en liña, o Dicionario da Real Academia Galega.

Unha novidade, por certo, que se enmarca dentro dunha completa renovación da páxina web da institución.

Haberá que colocar unha ligazón na barra lateral para cando nos xurda unha dúbida, non? :)


O que todo galego debe saber do portugués. 2

Segunda entrega da serie de capítulos que o programa Ben falado! lle adicou ás principais diferencias existentes entre o galego e o portugués.


O que todo galego debe saber do portugués. 1

O fantástico programa da TVG Ben Falado! adoita achegarnos interesantísimos contidos relacionados coa nosa lingua, como a serie de capítulos sobre as principais diferenzas existentes entre o galego e a súa lingua irmá, o portugués O que todo galego debe saber do portugués, da que hoxe vos traemos a primeira entrega.


O galego e as leis

Hoxe toca tomar notas. Deixamos a disposición do alumnado de 1º da ESO do noso cole os apuntamentos sobre o relato curto. Podedes descargalos pinchando aquí ou na imaxe inferior.


O xénero narrativo do relato curto

Hoxe toca tomar notas. Deixamos a disposición do alumnado de 2º da ESO do noso cole os apuntamentos sobre o relato curto. Podedes descargalos pinchando aquí ou na imaxe inferior.


Eu xavexo, ti xaves, el xave…

Aínda nos quedan por vos traer ao Xavedes! unha morea de recursos relacionados coa nosa lingua. Este chegou onte aos nosos oídos.

Trátase dun conxugador de verbos en galego, unha ferramenta coa que poderedes comprobar se estades a conxugar correctamente ese verbo que vos plantexa dúbidas. O seu nome é Cilenis e para acceder a el, simplemente tedes que visitar a páxina conxugador.cilenis.com

Só tedes que introducir no cadro de búsqueda o infinitivo do verbo que queredes conxugar (se queredes restrinxilo aos verbos presentes no Vocabulario ortográfico da Lingua Galega da RAG (VOLG) podedes facelo marcando a pestana correspondente) e premer o botón correspondente.

Fagamos unha proba para que vexades o resultado. Imos conxugar o verbo esborrallar:

Útil, verdade? Pois veña… conxugando (xerundio do verbo conxugar, non? ;) ).


Os prexuízos lingüísticos

Na reunión de Café en galego de onte estivemos a falar sobre os prexuízos lingüísticos: primeiro a través da lectura dun pequeno relato de Séchu Sende e despois comentando un pequeno texto sobre o tema elaborado polo profesorado da materia de Lingua galega para os rapaces e rapazas de 1º da ESO, que con el completan os contidos da unidade 2 sobre as linguas do Estado español. Traémolo tamén ata aquí, para que siga o debate. Podedes lelo a continuación ou descargalo aquí (ou pinchando encima das imaxes) en formato .pdf.


A evolución das linguas da península ibérica

Regresamos desta ponte de catro días e, para facelo con forza, facémolo cun chisco de historia. Aproveitando que os rapaces e rapazas de 1º da ESO están estudando a evolución das linguas da península ibérica ao longo do tempo, aí vos vai (e a eles tamén) unha serie de mapas que nos indican en que zonas se falaba galego, leonés, castelá, vasco, aragonés, catalán e árabe e mozárabe alá polo ano 1000 e os cambios que se foron producindo co paso dos séculos ata chegar á situación actual.

E tamén, se o preferides, máis rápido en formato .gif.

Os mapas están en inglés, pero creo que se entende de sobra, non?


O xogo de San Xoán

Que? Preparados para as luminarias? Nós si. :) E por iso, nesta noite de San Xoan, propoñémosvos este divertido xogo:

É moi sinxelo: só tes que adiviñar a palabra agochada, dicindo as letras que cres que ten. Tes 5 oportunidades, antes de que queimen o Meco (por cada letra que non estea na palabra, subirá o lume da fogueira)

Veña, dicide unha letra!


Orellas ou freixós?

De que vos ides encher este entroido? ;) Nós ímonos de festa, pero antes deixámosvos unha interesante ligazón chea do traballo dun bo número de centros educativos de toda Galicia. Se entrades en coordinadoraendl.org/2011entroido atoparédesvos cun bo feixe de recursos (libros, presentacións, receitas…) cos que aprender máis sobre o carnaval en xeral e sobre o entroido na nosa terra en particular.

Veña, non vos entretemos máis. Pasádeo ben. Vémonos á volta das vacacións!


Son de poetas: unha antoloxía da poesía galega diferente

Esta poesía de Álvaro Cunqueiro que vos trouxemos hoxe vainos dar pé para vos introducir un interesantísimo sitio web. A ver… porque a poesía sóavos, non? No niño novo do vento é un dos poemas máis coñecidos da nosa lingua, grazas sobre todo ás adaptacións musicais que dela se teñen feito.

Todo parte da adaptación que dela fixo Luís Emilio Batallán alá polo ano 1975 no seu disco Ahí ven o maio.

Logo virían a revisión de Amancio Prada (1987)

, a versión heavy! de Astarot (2000)

, a voz de Laura Alonso nas mans de Milladoiro (2008)

e a transformación pop a cargo de Xoel López.

E de onde sacamos toda esta información? Pois de son de poetas (sondepoetas.blogspot.com), unha páxina froito do traballo do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES David Buján de Cambre que recolle unha completa (completísima) antoloxía da poesía galega musicada.

Na imaxe superior (pinchade nela para ampliala) tedes unha explicación do funcionamento do sitio, no que como podedes comprobar se recollen, clasificados por épocas, unha gran variedade de poemas escritos no noso idioma. Todos teñen algo en común: que foron musicados nalgunha ocasión. En son de poetas poderemos desfrutar da lectura das poesías de Ricardo Carvalho Calero, Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, pero tamén da escoita das interpretacións que grupos como Fanny + Alexander, Luar na Lubre ou Quempallou fan dos seus textos.

Antolóxico! ;)

 


“Lingua e sociedade: unha realidade plurilingüe”

Un dos propósitos deste blogue é o de presentarvos toda unha variedade de recursos e ferramentas dispoñibles na rede relacionados coa lingua galega. Hoxe propoñémosvos esta interesante presentación sobre a diversidade lingüística.