Carlos Casares… á marxe do tempo
Hoxe cúmprense 10 anos do falecemento do escritor ourensán Carlos Casares. Membro da Real Academia Galega, presidente da Editorial Galaxia, presidente do Consello da Cultura Galega… pero sobre todo, autor de xoias da nosa narrativa como Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul, biógrafo, ensaísta e mesmo escritor de literatura infantil, con obras como A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.
Iso si, quizais a actividade que máis coñecido o fixo entre o público en xeral foi a xornalística, en especial a columna que con carácter diario e baixo o título de Á marxe (toda unha declaración de intencións) publicou en La Voz de Galicia dende o ano 1992 ata a súa morte. Nesas pezas, que Manuel Rivas describe como “pequenas onzas de ouro que xustifican todo un periódico” (e non podemos estar máis de acordo), Carlos Casares achegábanos a súa particular visión do mundo. Non falaba de nada? Ou falaba de todo?
Podédelo comprobar visitando o blogue que vos recomendamos hoxe: Á Marxe do tempo, no que se recolle unha selección destas columnas.
Diariamente selecciona unha destas marxes de xeito que coincida coa data orixinal de publicación (por exemplo, onte 8 de marzo seleccionouse unha publicada orixinalmente o 8 de marzo de 1995), unha axeitada maneira de comprobar a súa vixencia.
Algúns configúranse como pequenos e deliciosos contos, outros tratan asuntos tan de actualidade que poderían estar escritos, coma quen di, antonte.
Como afirma hoxe Juan Cruz no seu blogue de elpais.com, “Diez años años ya. Parece mentira que pase tanto tiempo de su muerte, pero sobre todo parece mentira que se haya muerto.”
Pois iso.
Toca mollarse! (chegou o dioivo)
dioivo s.m. Chuvia moi abundante e corrente que orixina. Non podes saír con este dioivo. CF. diluvio.
Hoxe é 29 de febreiro (ollo, que isto non pasa tódolos anos, eh? ;) ), e a pesar de que os ceos están despexados, chegou o dioivo. Hoxe dámoslle a benvida a un novo medio de… un momento, queredes que volo conten eles mesmos? Ao longo dos últimos meses foron deixando na rede unha serie de vídeos humorísticos (aquí e aquí, e o último embaixo) nos que deixaban pistas sobre o que estaba a piques de acontecer.
Efectivamente, Dioivo (dioivo.eu) é un novo medio de comunicación dixital en galego (tan dixital que no seu primeiro número impreso xa se despiden ;) ) que nace da unión dun grupo de xornalistas afectados polo peche dos medios nos que traballaban e que deciden constituírse como asociación cultural para crear unha nova canle a través da cal ofrecer a súa visión do que nos rodea .
Contar e contrariar, esa é a consigna baixo o que hoxe Dioivo botou a andar.
Toca mollarse!
200 anos e 1 día de xornalismo en galego
Onte celebramos unha efeméride ben curiosa da que soubemos por este artigo de Praza Pública: cumpríronse 200 anos dende a publicación do primeiro texto de carácter xornalístico escrito na nosa lingua.
Se ben xa se publicara anteriormente en prensa algún texto en galego de carácter lírico, este é o primeiro que, digamos, responde aos cánones xornalísticos. Trátase dunha sorte de carta ao director enviada por Ramón González Senra (crese que se trata dun seudónimo) á Gazeta Marcial y Política de Santiago e que se publicou o 5 de febreiro de 1812.
A continuación reproducimos este extenso artigo, datado en Combarro, e que defende o dereito dos cidadáns a elixir democraticamente os xuíces.
CARTA RECOMENDADA
Señor Emprantador da Gazeta de Santiago: Eu quixera espricarlle ben craramente canto se folga ó meu corazon co á millor das novidades que teño visto na miña acordanza: falo da orde que veu para que as aldeas escollan Jueces á seu gusto, é para botar por terra todas esas gavelas con que nos esmagaban desde hay tanto tempo un fato de señores que eran mais ríspitos para nos, que os mesmos reis. Eu non sei falar con retrónicas, porque non andiben na escola dos jasuitas, que, si non son novas de camiño, din que foron moy guapos para os rapaces, que tiraban deles grandes poetas; é sobre todo, que na quel tempo andaba ó mundo moy acougado; ben que si nosos páis foron tan bos, non sei eu como non saliron os fillos mais arrellados: ó que me fai pensar, que sempre oubo traballos no mundo, é tamen bestas no tempo dos jasuitas. Mais, sexa como for, ó que eu quero, é darlle á vm. as albrizas do ben que nos fan as Cortes, tirándonos de un cautiverio, que pouco lle marra para ser ó do anamigo malo; é para esto, é decerlle catro cousas que sente ó meu corazon, direillas de calquera xeito, mais que digan que somos gallegos é no nos entendemos.
Extra! Extra! A praza abriu as súas portas!
Lembrades que hai un tempo vos falamos de que un novo medio de comunicación en galego estaba a piques de nacer? Pois, despois dun par de meses de espera, xa está aquí Praza Pública, “O xornal da Galicia que vén”. Hai uns minutos abriu as súas portas a praza.com e a xente xa se está amoreando na entrada. Aquí tedes a súa primeira portada:
A qué estades esperando para visitala?
6.830 € en vitaminas
Vitaminas para o galego. Ese é o nome dunha iniciativa na que dez medios de comunicación en lingua galega (Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta, Certo.gl. O Sil e Crónica3) veñen de pedir a nosa axuda para a realización dunha campaña de apoio a este tipo de medios.
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do NO da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto “Vitaminas para o galego”, impulsado polos medios en galego e que se centrará en eventos a desenvolver en distintas vilas galegas e nun festival que se celebrará en Santiago de Compostela na primavera do 2012.
Onte pechouse a primeira fase deste proxecto, no que preto de 200 mecenas (recompensados con agasallos que ían dende calendarios de peto para aqueles que aportasen 10 € ata 5 quilos de percebes e un concerto a domicilio de O Leo i Arremecághona! para a primeira persoa que doase 1.000 €) fixeron a súa contribución. Fixárase un obxectivo de 3.300 € e recadaron… 6.830!
E despois do éxito desta primeira fase… a pola segunda!
#untwitporXornal
#untwitporXornal é TT en Twitter! O hashtag, que berra contra a desaparición de Xornal.com, leva horas situado entre os temas do momento en España.
Nós xa fixemos a nosa aportación:
E vós? Xa escribístedes #untwitporXornal?
Ata sempre á Nosa Terra
Despedidas, despedidas e máis despedidas.
Esta tiñámola pendente dende o venres pasado, cando o xornal dixital, antes semanario, A Nosa Terra anunciaba que as súas publicacións remataban. Se ben o semanario deixara de publicarse en papel en setembro do ano pasado, a edición dixital mantíñase.
Desaparece outro medio de comunicación en galego. Desaparece, por cuarta vez, unha cabeceira con 104 anos (divididos en catro etapas) de historia.
Quédanos o consolo de que, se tres veces renaceu das súas cinzas, tal vez haxa unha cuarta nun futuro. Que sexa pronto!
Nin Xornal nin .com
Vaia racha levamos! Hai uns días comentabamos como nos sorprendera en plenas vacacións a noticia do peche da edición impresa de Xornal de Galicia e animábamosvos a seguir visitando a súa edición dixital. Onte quedabamos coa boca aberta ao coñecer que Xornal.com tamén botará, en breve, o peche.
Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, Xornal.com… o dito: vaia racha levamos!
Durante o verán (I)
Comezamos o repaso dalgunhas novas relacionadas coa nosa lingua que aínda non comentamos no noso blogue, posto que se produciron mentres descansabamos.
Unha delas, ben triste, é a desaparición da versión impresa do Xornal de Galicia, o único diario que quedaba nos quioscos no que o galego tiña un papel protagonista (resiste, polo menos, o gratuíto De Luns a Venres).
Iso si, como nos din na súa última portada, Xornal de Galicia non desaparece por completo, posto que segue vivo na rede, alí onde comezou a súa andaina hai xa case 13 anos.
Haberá que facerlles unha visita, non si?
Malas novas
Hoxe soubemos que Galicia Hoxe sae mañá a rúa por derradeira vez. O único diario en galego bota o peche, así que… nunca mellor dito: malas novas.
O primeiro número de Galicia Hoxe publicouse o 17 de Maio (Día das Letras Galegas) de 2003, pero o seu verdadeiro xerme debemos situalo o 6 de Xaneiro de 1994, cando saíu por primeira vez á rúa O Correo Galego, cabeceira da que era herdeira directa.
A nova está a xerar unha gran cantidade de reaccións, especialmente na rede (no momento de escribir estas liñas Galicia Hoxe é Trending Topic en Twitter), lugar onde (ese é o único consolo que nos queda) Galicia Hoxe seguirá sendo fiel a súa cita coa información do noso país a través do sitio www.galiciahoxe.com.
O galego serve para entendernos
Puxémoslle nome ás persoas: Suso, Maruxa,… apelido: Vázquez, Nogueira, …. e alcume: o Bichoguizo, a Rachaoferro, ….
Puxémoslle nome ás nosas árbores: amieiro, freixo,… e apelidos: Carballa da Rocha, Castiñeiro da Capela,…
Botamos aturuxos, arroutadas,…. e damos colo, apertas, ….
Puxémoslle nome ás froitas: pexego, mazá, ….
Aos arbustos: silva, xesta, ….
Ás nosas herbas: camariña, herba de namorar, …
Ás comidas: grelos, cacheira, …..
Puxémoslle nome aos insectos: vagalume, escornabois, ……
Aos peixes: xouba, ollomol , …. e aos mariscos: vieira, zamburiña,….
Ás nosas praias: de Rodas, A Rapadoira, ….
Ás serras: O Larouco, A Capelada, …
Aos montes: A Zapateira, O Galiñeiro, …
As rochas: Pena Corneira, A Pedra de Avalar, …
Aos ríos: Toxa, Xallas,..
Aos pobos: Soutelo, Peroxa, ….
Aos males: Mal de Ollo, O Arangaño,…
Aos nosos medos: A Santa Compaña, O Negro Meigallo,…
Aos nosos heroes: O Foucellas, Roi Xordo,..
Aos monstros: Sacauntos, Fendetestas, …
As vacas: Marela, Xeitosa, ….
Aos disfraces: Peliqueiro, Boteiro, ..
Aos sentimentos: morriña, agarimo, …
Aos santos: A Franqueira, O Corpiño, ..
Ás nosas festas: A Rapa das Bestas, O Magosto, …
Á musica: os alalás, a chouteira, …….
Aos xogos: a billarda, a porca, ……
Ás partes do corpo: as costas, os xeonllos, ..
Aos paxaros: paporrubio, rula,…
Ao vestido: saia, polaina,…
….e agora veñen que para que serve o galego, pois e obvio, para entendernos.José Manuel Atanes Limia: Faro de Vigo (21 de Xuño de 2009)
Comentarios recentes