Por que o preguntas?
E falando de deseños… aínda non vos ensinaramos esta fantástica ilustración obra do debuxante Fran Bueno, que nos chegou hai un tempo a través da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Convertida en adhesivo, e acompañada do espazo para a reflexión que podedes atopar na ligazón anterior, sérvenos para tomar consciencia dun dos prexuízos co que máis a miúdo ten que lidiar a nosa lingua.
Ou é que fai falla preguntalo?
O fundador do cómic galego
Esa é unha das honras que recaen sobre Xaquín Marín (Ferrol, 1943), un dos debuxantes e ilustradores máis coñecidos e recoñecidos da nosa terra. E é que o álbum “2 viaxes”, que editou xunto con Raimundo Patiño en 1975, pasa por ser o primeiro publicado na nosa lingua.
Presentámovolo (aínda que moitos de vós o coñeceredes de sobra polos seus traballos en La Voz de Galicia, onde publica diariamente a viñeta O lecer de Isolino) porque hai motivos dabondo para que se convirta nun habitual destas páxinas, posto que a temática que aquí tratamos non lle é, para nada, allea. Para mostra…
O Carrabouxo*
*Para aqueles que non o coñezades, O Carrabouxo é un habitual das páxinas do diario ourensán La Región. Saído do maxín do humorista gráfico Xosé Lois, a temática da lingua galega protagoniza con frecuencia as súas viñetas, polo que é de esperar que lle faga algunha que outra visita ao noso blogue no futuro.
Comentarios recentes