Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Debuxo

Inktober 2019: Debuxando coa lingua

Onte, 1 de outubro, púxose en marcha na rede social Twitter un fermoso reto que xunta a afección polo debuxo co amor pola nosa lingua.

Pero, antes de nada… sabedes o que é o Inktober?

inktober-2016-logo

Cada mes outubro, miles de artistas de todo o mundo únense a un desafío consistente en realizar un debuxo ao día ao longo de todo o mes. Un debuxo para cada día de outubro. Non é necesario ser un debuxante experimentado, só ter gana de debuxar.

Pois ben, a experiencia que nos propón a conta de Twitter @GZvisual consiste en unirnos a este Inktober 2019 realizando cada día un debuxo inspirado na palabra do día do Portal das Palabras, a iniciativa léxica da RAG e a Fundación Barrié.

Pero mellor que volo expliquen dende a propia conta:

EFyyMFoWoAIgoCe

Buscamos a palabra do día no Portal das Palabras (a do día 1 foi  castrexa, podedes comprobar no seu perfil o xogo que deu)A de hoxe, día 2, é fluvial. Que vos suxire?

Atrevédesvos* a debuxar… coa lingua?

[Está beeen… podedes empregar rotuladores… ;)]

*Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac queremos alentar ao noso alumnado a participar neste outubro de tinta. A graza está en que amosedes os vosos debuxos, así que se vos animades e non tedes conta en Twitter coa que compartilo (lembrade etiquetalos!), podedes entregarlle os vosos debuxos a algún membro do Equipo para que o publiquemos nós a través da nosa conta @xavedes.