Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Que están lendo…?

Que están lendo… no 1º ciclo da ESO?

O escaravello de ouro e outros contos
Edgar Allan Poe
(2007)

Con sete dos contos máis coñecidos do escritor norteamericano, O escaravello de ouro penetra neses terreos do misterio e das tebras onde Edgar Allan Poe soubo crear maxistralmente unha atmósfera enrarecida e un espírito dominado pola angustia e o terror que tanto caracterizan a súa prosa. Poe, loubado por escritores como Baudelaire, foi un amante da beleza e da perfección, e fixo da súa vida un reflexo da súa obra.


Que están lendo en… 2º da ESO? Corredores de sombra

Corredores de sombra
Agustín Fernández Paz
(2006)

Verán de 1995. No pazo dos Soutelo, ao facer unhas obras de restauración, descúbrese un esqueleto dentro dunha alfombra enrolada, oculto entre dous tabiques. Un cadáver emparedado hai máis de cincuenta anos, cun furado de bala na cabeza. Quen é o morto? Que man empuñou a pistola que o asasinou? Clara Soutelo, testemuña involuntaria da descuberta, asume o reto de desvelar o misterio que se agocha tras as dúas preguntas. Unha investigación complexa, que a levará a indagar no pasado da súa familia. Moito tempo despois, cando xa é maior, decídese a contar os sucesos daquel verán dos seus dezaseis anos, cando descubriu a plenitude do primeiro amor e mudou para sempre a súa forma de entender a vida. Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz é un thriller moral onde se pretende desvelar un dobre misterio (quen é o morto, quen o asasinou?) que conleva unha investigación, con momentos de grande tensión, e unha resolución na liña das mellores novelas negras. Mais tamén é unha novela sobre a progresiva toma de conciencia da xove protagonista obrigada a elixir o camiño polo que quere facer a súa vida, mesmo se iso implica opoñerse a súa familia e todo o que significa. Unha novela memorable que confirma a Agustín Fernández Paz como un dos narradores primeiros da literatura galega.


Que están lendo en… 1º da ESO? Cartas de inverno

Cartas de Inverno
Agustín Fernández Paz
(1995)

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.


Que están lendo… no 1º ciclo da ESO? O misterio das badaladas

[Iniciamos unha nova sección no noso blogue destinada a informarvos de que lecturas na nosa lingua están a desfrutar os rapaces e rapazas das distintas etapas do noso colexio, co obxectivo tamén de crear un espazo no que podan comentar o que lles veña á cabeza sobre as mesmas. Inaugurámola, como podedes comprobar, cun dos grandes clásicos da nosa literatura infantil e xuvenil, de cuxa publicación se veñen de cumprir nada máis e nada menos que 25 anos.]

O misterio das badaladas
Xabier P. DoCampo
(1986)

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova. Mais cando isto suceda e cheguemos á última páxina do libro, abrirase un novo misterio que desafiará a perspicacia e a intelixencia do lector.