Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Colexio Lestonnac

Dezaseisavos de final: Heredeiros da Crus ou Nao?

A nosa 6ª eliminatoria de dezaseisavos é territorio de guitarras. 🎸

Se ben poucas bandas do panorama musical galego necesitan menos presentación que Heredeiros da Crus, este tema, incluído no seu álbum de retorno do ano 2013, poderiavos coller co pé cambiado; se non fose porque cumple á perfección aquela máxima sobre a calidade das baladas dos grupos máis duros.

Corasón de carballo
Heredeiros da Crus
Jard Rock con fe (2013)

Acompáñaos outra formación cunha longa carreira ás súas costas: uns Nao que están a piques de poñerlle punto e final a 14 anos de historia como banda cun concerto que celebrarán o vindeiro 7 de decembro en Santiago de Compostela. Como non imos botar de menos a unha banda que é capaz de ofrecernos verdadeiras alfaias rock como esta que vos traemos aquí, na que ademais de Tanxugueiras, colaboran uns SonDaRúa que esta semana temos dobremente presentes.

 

Cultura crítica
Nao
Ata que o lume se apague (2018)


Dezaseisavos de final: Baiuca ou Malandrómeda?

O carácter galego na nosa 5ª eliminatoria de dezaseisavos de final.

Por un lado, a Morriña de Baiuca, o proxecto do catoirán Alejandro Guillán que tan acertadamente mestura a nosa música tradicional coa electrónica.

Morriña
Baiuca
Solpor (2018)

Por outro, que mellor para neutralizar ese sentimento melancólico que o día da festa que nos propón Malandrómeda. A canción é un dos cortes dun dos dous álbumes que publicaron en 2016 e que marcaron todo un fito na música cantada en galego ao alzarse ex aequo co primeiro posto da lista de álbumes nacionais dese ano da prestixiosa revista barcelonesa Rockdelux.

Bótalle caldo (Cumbia malandra)
Malandrómeda
Cada can que lamba o seu carallo (2016)


A Canción d10z! (2ª semana)

O noso alumnado vén de decidir cales son as cancións gañadoras das catro primeiras eliminatorias de dezaseisavos de final: Familia Caamagno, Eladio y Los Seres Queridos, Skandalo GZ e Ezetaerre son as bandas que pasan á seguinte rolda.

E houbo unanimidade, posto que as cancións gañadoras coinciden coas favoritas dos nosos seguidores en Twitter.

Sucederá o mesmo esta 2ª semana? No cadro podedes ver os artistas que entran en xogo, así como os resultados que vos acabamos de comentar:

A canción d10z (Dezaseisavos 2).jpg

4 novos cruces de dezaseisavos no que cancións de Baiuca, Malandrómeda, Heredeiros da Crus, NAO, Oh! Ayatollah, SonDaRúa, Guadi Galego e Iván Ferreiro se enfrontarán por facerse un oco nos oitavos de final. Irémosvolas presentando en sucesivos artigos.

O noso alumnado ten a palabra… e vós tamén. Animádevos a participar na nosa votación paralela en Twitter!


VII Concurso de Relatos Ilustrados

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do Concurso de Relatos Ilustradosque nesta ocasión quere dedicar á memoria de Antonio Fraguas.

Premede sobre a imaxe para consultar as bases en formato PDF:

Captura de pantalla 2019-11-18 a las 21.28.11.png

Os textos a ilustrar para cada categoría, podédelos atopar pinchando na seguinte ligazón.


#ACanciónd10z

A andaina da Canción d10z xa comezou para o noso alumnado.

Dezaseisavos (A canción d10z)v3-pdf (1)Rapazas e rapaces teñen ata o martes para emitir o seu voto, e vós… tamén. Se queredes participar na elección paralela que estamos levando a cabo en Twitter, só tedes que entrar no noso perfil nesa rede social e votar nas enquisas que temos en marcha para cada unha das eliminatorias.

Animádevos e participade vós tamén!


Dezaseisavos de final: Ezetaerre ou Labregos do tempo dos Sputniks?

A 4ª e última eliminatoria desta semana conduce a rutas máis urbanas.

A “construír outro verán” é ao que nos anima o rap dos Ezetaerre, que no 2017 deron resposta con este temazo cheo de crítica social aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.

Non é verán de Estrella Damm
Ezetaerre
Non é verán de Estrella Damm (Single) (2017)

Un ano antes, os Labregos do tempo dos Sputniks recolleron no seu álbum Libremente varios anos de traballo tanto colectivo como dos seus membros por separado. García MC, compoñente tamén duns Dios Ke Te Crew que igualmente nos han visitar nas próximas semanas, xa adaptara o poema de Lois Pereiro ao redor do que se constrúe o tema que aquí vos traemos no seu traballo de 2012 Abaixo e De Pé. A súa voz e a d’O Leo únense aquí para levar por novos vellos camiños a obra do poeta monfortino.

Amor e sangue en Chiapas
Labregos do tempo dos Sputniks
Libremente (2016)


Dezaseisavos de final: Skandalo GZ ou Ruxe Ruxe?

Sons máis contundentes para a nosa 3ª eliminatoria.

Punk e ska dende Ponteareas é o que nos traen os Skandalo GZ. O tema seleccionado, Abrindo camiño, un corte do seu LP de 2015 no que colabora Nervo, MC de Rebeliom do Inframundo (que en breve entrarán en liza tamén).

Abrindo camiño
Skandalo GZ
Abrindo camiños (2015)

E que dicir do rock tradicional de Ruxe Ruxe que non se teña dito xa ao longo das máis de dúas décadas que levan en activo. No 2012 trouxéronos este tema que resume á perfección a aposta desta banda compostelá.

Rock do país
Ruxe Ruxe
Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras (2012)


Dezaseisavos de final: Narf e Manecas Costa ou Eladio y Los Seres Queridos?

Se de algo vai sobrada a nosa 2ª eliminatoria é de beleza.

Por unha banda temos a Fran Pérez, Narf, (canto o bota de menos a nosa música!), acompañado do cantante e compositor de Guinea-Bissau Manecas Costa con Esta noite, un dos cortes de Aló irmao!, o disco que publicaron conxuntamente no ano 2010 e que gravaran ao vivo no Teatro Principal de Santiago uns meses antes.

Esta noite
Narf e Manecas Costa
Aló irmao! (2010)

Por outra está Non quero perderte, a adaptación ao galego que Eladio y Los Seres Queridos fixeron para o seu segundo álbum, Están ustedes unidos, dun tema que xa incluíran no seu disco de debut (aínda baixo o nome de Elodio y Los Seres Queridos). A peza, fermosa de por si, cobra toda unha nova dimensión nesta versión na nosa língua.

Non quero perderte
Eladio y Los Seres Queridos
Están ustedes unidos (2011)

❤️


Dezaseisavos de final: Familia Caamagno ou Esposa?

A primeira eliminatoria enfronta as melodías pop de Esposa, co toque garaxeiro da Familia Caamagno.

Os primeiros sorprenderon en 2016 con Señor de, un EP que foi considerado pola revista Mondosonoro como o mellor do ano na súa edición para Galicia-Castela e León. Ao ano seguinte lanzaban o seu primeiro longa duración Xardín interior, do que vos traemos a canción homónima, acompañada dese videoclip tan… difícil de describir. 😅

Xardín interior
Esposa
Xardín interior (2017)

Aos de Sigüeiro vimos procurando non perderlles a pista dende que nos marabillaron co seu debut de 2012. Banda festivaleira por excelencia, os seus directos son célebres máis aló das nosas fronteiras. Maniotas aseguradas! Con só escoitar o ritmo dos seus Surfistas nazis, xa vos faredes unha idea:

Surfistas nazis
Familia Caamagno

Hai que andar cos tempos (2014)


A Canción d10z!

A década está a piques de rematar. E non se nos ocorre mellor maneira de celebralo que lembrar as grandes cancións escritas no noso idioma que nos deixaron estes anos 10.

A iso se van dedicar os maiores do noso colexio ao longo das vindeiras semanas: a escoller, de entre unha serie de cancións que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega seleccionou para eles, a mellor canción na nosa lingua dos últimos dez anos. Con esta iniciativa buscamos que rapazas e rapaces se familiaricen coas expresións musicais actuais en galego, que se cadra descubran novos grupos favoritos, e finalmente que rachen cos prexuízos que reducen o uso do galego na música ao ámbito tradicional. Rock, hip hop, pop, ska, folk, electrónica… ata o trap estará presente nun cadro que iremos enchendo durante as próximas semanas e no que xa se poden ver os 8 primeiros artistas en liza.

Dezaseisavos (A canción d10z)v3-pdf (1).jpg

32  cancións de 32 intérpretes do noso país publicadas entre 2010 e este 2019 iranse enfrontando entre si ronda tras ronda ata que só quede unha, que o noso esixente xurado nomeará como Mellor canción en galego da década. Unha canción de 10 para os anos 10.


A Ciencia, tamén en…

Iniciamos a celebración do Día da Ciencia en Galego, que coma sempre transformamos na Semana da Ciencia en Galego no Lestonnac, compartindo o vídeo que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración dos nenos e nenas do colexio, elaboramos para a ocasión.

A temática elixida conecta coa que escolleu a Institución Galega de Ciencia para este X Día da Ciencia en Galego, que xira ao redor da declaración de 2019 como Ano Internacional das Linguas Indíxenas. A nosa mensaxe: “A Ciencia, tamén en…”.

A ciencia, tamén nas linguas rexionais ou minoritarias. A ciencia, tamén en aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish… Tamén en galego!

diadaciencia2019


ANDO GALEGO FALANDO

Estamos xa rematando o curso 2018/2019, e dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos despedilo cun pequeno vídeo elaborado coa colaboración do noso alumnado de Secundaria que ilustra o lema a prol do galego seleccionado para este ano: “ANDO GALEGO FALANDO”.

Esperamos que vos guste. O curso que vén… AQUÍ ANDAREMOS DE NOVO!!!


Antón Fraguas | Letras Galegas 2019


I Certame de microvídeos

WhatsApp Image 2019-03-01 at 11-3

Podedes consultar as bases aquí.


Candeloria 2019

Animádevos a participar!

candeloria 2019 (cartel)

Podedes consultar as bases aquí.


VI Concurso de Relatos Ilustrados

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do Concurso de Relatos Ilustrados,que nesta ocasión quere dedicar á memoria de Xabier P. Docampo.

Deixámosvos as bases continuación (preme sobre a imaxe para consultalas en formato PDF):

Captura de pantalla 2018-11-09 a las 9.07.04.png

Os textos a ilustrar para cada categoría, podédelos atopar pinchando na seguinte ligazón.


A Táboa Periódica, tamén en galego

Hoxe, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac, queremos iniciar a celebración do Día da Ciencia en Galego e do que será a Semana da Ciencia en Galego no noso colexio compartindo un vídeo que elaboramos coa axuda de nenas e nenos de todos os cursos. Nel adiantámonos á celebración, o vindeiro ano 2019, do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos, tal e como o proclamou a Organización das Nacións Unidas.

A Táboa Periódica… tamén en galego. Esperamos que vos guste!


Portas aDentro 2018

Aquí tedes a nosa revista deste curso 2017/2018.

Captura de pantalla 2018-06-28 a las 12.46.17.png

Podedes descargala facendo clic aquí.


Letras Galegas 2018

Animádevos a participar!

Letras Galegas 2018.png

Podedes consultar as bases aquí.


Candeloria 2018

Animádevos a participar!

Cartel Candeloria 2018.png

Podedes consultar as bases aquí.


V Concurso de Relatos Ilustrados

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca a V Edición do Concurso de Relatos Ilustrados, dedicado esta vez a Carlos Casares. Podedes consultar as bases pinchando na seguinte imaxe.

V Concurso de Relatos Ilustrados

Podedes atopar os textos a ilustrar aquí.


A Física e a Química, tamén en galego

No Lestonnac estamos a celebrar a Semana da Ciencia en Galego, así que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparamos, con axuda de nenos e nenas de todos os cursos, unha serie de vídeos sobre o uso do galego nas ciencias. Este é o primeiro, coa Física e a Química como protagonistas. Esperamos que vos guste.


Letras Galegas 2017

Animádevos a participar!

Captura de pantalla 2017-04-24 a la(s) 09.42.22.png

Podedes consultar as bases aquí.


Candeloria 2017

Animádevos a participar!

Captura de pantalla 2017-01-25 a la(s) 20.18.46.png

Podedes consultar as bases aquí.