E que manda o Meco para o venres?
Algo gracioso na cabeza, as roupas suxeitas con tirantes, cinto, lazada ou cordel, calcetíns e camiseta coas túas mensaxes por riba da roupa e…

Que manda o Meco para o xoves?
Calcetíns por riba da roupa, algo gracioso na cabeza, as roupas suxeitas con tirantes, cinto, lazada ou cordel e…

Chegou o Meco!
Se queres o entroido gozar… ao Meco terás que escoitar!

O luns, o Meco berrou:
Por riba das calzas,
lucirás os calcetíns!!!
Mais o Entorilo,
que tiña frío,
levounos consigo!
Madia leva! Así calquera!
IX Concurso de Relatos Ilustrados
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convoca unha nova edición do Concurso de Poemas e Relatos Ilustrados, que nesta ocasión quere dedicar á memoria de Xela Arias.
Premede sobre a imaxe para consultar as bases en formato PDF:

Os textos a ilustrar para cada categoría podédelos atopar na seguinte ligazón.
Concurso de cabazas Samaín 2021
Co remate do mes de outubro chega… a festa do Samaín!, e dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio queremos seguir festexando esta fermosa tradición.
Aínda non nos é posible celebrar nas mesmas condicións que en anos anteriores o noso Concurso de cabazas, pero igualmente nos gustaría propoñerlles ás familias de Educación Infantil e Primaria que animen e axuden aos seus fillos/as a tallar a tradicional caveira. A exposición dos traballos non se realizará de xeito físico, pero si de modo virtual a través deste blog.
Como participar?
- Tomade dúas fotografías da cabaza tallada: unha da caveira a concurso e outra na que saia o alumno/a ou a familia participante xunto con ela.
- Enviade un correo electrónico coas 2 fotos á dirección dinamizacion@lestonnacferrol.com. Incluíde o nome do alumno/a participante e o seu curso.
- A data límite para a recepción das vosas fotografías (lembrade que non se recibirán traballos no colexio!) será o martes 2 de novembro.
- O xurado, composto polos membros do EDLG, valorará os traballos presentados a fin de premiar a máis orixinal e creativa.
Certame Literario Letras Galegas 2021
As nosas letras necesitan de novos escritores. Animádevos a participar!

Podedes consultar as bases aquí.
Que manda o Meco para o xoves?
Calcetíns por riba da roupa, camiseta de flores ou mandil a colores, algo ao pescozo, zapatos de diferente par e…

O xoves, por riba da roupa,
habemos poñer
ben saia escocesa,
ben tutú cal princesa,
ben bañador para a feira
ou ben… bermuda surfeira.
Ímonos mover
e lucir ben
a cadeira…
Que ordena o Meco para o mércores?
Que manda o Meco engadir aos calcetíns por riba da roupa e á camiseta de flores ou ao mandil a colores?

O mércores,
para ao Meco agradar,
ao pescozo algo vas suxeitar
e, nos pés, deberás calzar
zapatos de diferente par.
Camiña, camiña…
o entroido xa vén axiña!
A saúde, tamén en galego
Queremos rematar este primeiro trimestre do curso compartindo con vós o vídeo que elaboramos con motivo da Semana da Ciencia en galego este 2020, Ano Internacional da Saúde. E ese precisamente é o noso desexo para todos vós este Nadal: saúde. Coidádevos moito!
Concurso de cabazas Samaín 2020
Remata outubro, comeza novembro e chega a festa do Samaín. Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio queremos seguir festexando esta fermosa tradición.
A situación actual impídenos celebrar o noso tradicional concurso de cabazas nas mesmas condicións que en anos anteriores, pero igualmente vos propoñemos que talledes, xunto cos vosos/as fillos/as de Educación Infantil e Primaria, unha caveira nunha cabaza. Non realizaremos a exposición física dos vosos traballos, pero si o faremos de modo virtual, a través deste blog.
Como participar?
- Tomade dúas fotografías da cabaza tallada: unha da caveira a concurso e outra na que saia o alumno/a ou a familia participante xunto con ela.
- Enviade un correo electrónico coas 2 fotos á dirección edlglestonnac@gmail.com. Incluíde o nome do alumno/a participante e o seu curso.
- A data límite para a recepción das vosas fotografías (lembrade: non se recibirán traballos no colexio!) será o venres 30 de outubro.
- O xurado composto polos membros do EDLG valorará os traballos presentados a fin de premiar á máis orixinal e creativa.

Animádevos a participar!
Portas aDentro 2020
Despedimos este anómalo curso 2019/2020 cunha edición especial da nosa revista: a número XXX. Premede aquí ou sobre a portada para acceder a ela.
Esperamos que a do curso 2020/2021 sexa moito máis… aburrida :)
Acto das Letras Galegas 2020
Este ano non nos poderemos xuntar no salón para o noso tradicional Acto das Letras Galegas, pero iso non quere dicir que quedemos sen el. Será en formato virtual e reducido, pero puxémoslle as mesmas ganas de sempre.
O primeiro é rendirlle homenaxe ao autor. Aquí tedes unha pequena presentación que pretende resumir a achega que Ricardo Carvalho Calero fixo ás nosas letras e á nosa cultura:
Agora, unha sorpresa: o grupo Da Man, integrado polos nosos profesores Diego, Marta e Salva, interpreta esta adaptación aos tempos que corren do Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía musicado por Amancio Prada, obra da violonchelista Alessandra Gallo. Aquí podedes atopar a letra para que cantedes con eles este himno:
E outra sorpresa máis. A crise da COVID tamén nos deixou sen maios este ano, pero Elena vaille poñer remedio. Aquí nos trae este, especialmente dedicado para o alumnado de 5º de Primaria:
E así rematamos este acto virtual. Que soe o noso himno! 🙂
Día do libro 2020 | #Euquedocogalego
Feliz Día do libro!
A situación na que nos atopamos fixo complicado este ano convocar un novo Concurso de marcapáxinas no que todo o mundo puidese participar.
Pero o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e da Lectura quérevos agasallar igualmente cun marcapáxinas que reflicta o principal obxectivo da nosa tarefa: a normalización do noso idioma, é dicir, que o uso do galego volva ser habitual e espontáneo no noso centro e en todos aqueles espazos, públicos e privados, onde nos atopemos.
Por iso, para decorar o marcapáxinas deste ano, escollemos un dos lemas a prol do galego que hai algún tempo elaborou o alumnado de Secundaria. A súa autora foi Ciara Gayoso Das de 2º B, e dende o EDLGeL querémoslle transmitir os nosos parabéns.
Premede aquí ou sobre as imaxes para descargar a plantilla que vos permitirá imprimir 4 marcapáxinas (hai que aproveitar a cartolina 😊) en formato pdf. Collede a tesoira e xa tedes o voso marcapáxinas feito na casa para quedar na casa… cun bo libro entre as mans.
E aínda que non podades imprimilo (ao mellor andamos escasos de cartolina ou de tóner estes días 😅), animámosvos igualmente a compartir nas redes sociais as imaxes dos libros cos que estades a quedar na casa estes días coa etiqueta #Euquedocunlibro.
Non é verán de Estrella Damm, A Canción d10z!
Xa temos canción gañadora!
Os maiores do noso colexio decidiron nomear como mellor canción en galego dos anos 10, é dicir, como A Canción d10z! a Non é verán de Estrella Damm, dos coruñeses Ezetaerre.
Hoxe, despois de votar unhas disputadísimas semifinais (que se decidiron, ambas, por unha marxe estreitíiiiisima) Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus e o tema gañador disputaron a final do noso certame, nunha última votación que remataba unha actividade que veu ocupando as sesións de titoría das seis últimas semanas.
Nela, o noso esixente xurado decidiu premiar á este temazo cheo de crítica social co que os Ezetaerre deron resposta en 2017 aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.
E se o premio do xurado xa está outorgado, o do público aínda está por decidirse. O día de ano vello pecharemos a última das votacións que, de forma paralela, estamos propoñendo en Twitter. Animádevos a participar!
Terá a o mesmo resultado final? Para axudarvos a decidir, deixámosvos coa canción gañadora para os nosos rapaces e rapazas. Felices anos 20 a todos!
A Canción d10z! (Semifinais)

Xa queda pouco para coñecer cal é, para os maiores do noso cole, a canción d10z destes anos 10. Estamos en semifinais!
A rapazada vén de decidir que a 1ª semifinal enfronte o hip hop d’A Catapulta de Dios Ke Te Crew coa balada rock Corasón de carballo, dos Heredeiros da Crus.
A 2ª terá un carácter marcademente reivindicativo, urbano e xuvenil: os ponteareáns SonDaRúa co seu Liberando mentes ante os coruñeses Ezetaerre e o seu aviso de que Non é verán de Estrella Damm.
Manterémosvos informados. A gran final agarda!
A Canción d10z (Cuartos de final)
Nós xa temos cuartos de final!
As nosas rapazas e os nosos rapaces votaron hoxe as eliminatorias de oitavos (por aquí temos que ir un chisco máis rápido, que o ano remátano antes 😜), e decidiron que os seus cuartofinalistas sexan Familia Caamagno, Dios Ke Te Crew, Eladio y Los Seres Queridos, Heredeiros da Crus, Skandalo GZ, SonDaRúa, Ezetaerre e Iván Ferreiro.
Só quedan 8! Cal acabará sendo a nosa canción d10z?
Comentarios recentes