A saúde, tamén en galego
Queremos rematar este primeiro trimestre do curso compartindo con vós o vídeo que elaboramos con motivo da Semana da Ciencia en galego este 2020, Ano Internacional da Saúde. E ese precisamente é o noso desexo para todos vós este Nadal: saúde. Coidádevos moito!
A Ciencia, tamén en…
Iniciamos a celebración do Día da Ciencia en Galego, que coma sempre transformamos na Semana da Ciencia en Galego no Lestonnac, compartindo o vídeo que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración dos nenos e nenas do colexio, elaboramos para a ocasión.
A temática elixida conecta coa que escolleu a Institución Galega de Ciencia para este X Día da Ciencia en Galego, que xira ao redor da declaración de 2019 como Ano Internacional das Linguas Indíxenas. A nosa mensaxe: “A Ciencia, tamén en…”.
A ciencia, tamén nas linguas rexionais ou minoritarias. A ciencia, tamén en aragonés, asturiano, bretón, catalán, corso, éuscaro, frisón, gaélico escocés, galés, occitano, sardo, yiddish… Tamén en galego!
A Táboa Periódica, tamén en galego
Hoxe, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac, queremos iniciar a celebración do Día da Ciencia en Galego e do que será a Semana da Ciencia en Galego no noso colexio compartindo un vídeo que elaboramos coa axuda de nenas e nenos de todos os cursos. Nel adiantámonos á celebración, o vindeiro ano 2019, do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos, tal e como o proclamou a Organización das Nacións Unidas.
A Táboa Periódica… tamén en galego. Esperamos que vos guste!
A Física e a Química, tamén en galego
No Lestonnac estamos a celebrar a Semana da Ciencia en Galego, así que dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparamos, con axuda de nenos e nenas de todos os cursos, unha serie de vídeos sobre o uso do galego nas ciencias. Este é o primeiro, coa Física e a Química como protagonistas. Esperamos que vos guste.
O espazo… en galego
Hai unhas horas vén de completarse un dos fenómenos astronómicos máis peculiares: o tránsito de Venus. É dicir, o paso de Venus entre a Terra e o Sol de forma que se produce o ocultamento dunha pequena parte da superficie do astro rei. Xa que no noso país o fenómeno desenvolveuse case por completo durante a noite, moitos tivemos que recurrir a outros medios para poder seguilo (non se volverá repetir ata o ano 2117!). Unha posibilidade foi visitar a páxina da Astronomy Picture of the Day da NASA, a axencia espacial estadounidense, onde cada día nos traen unha imaxe diferente do noso universo, acompañada dunha breve explicación redactada por un astrónomo.
E que pasa se non entendemos nin papa de inglés? Pois non vos preocupedes, porque dende hai pouco máis de un ano existe unha versión en galego da APOD. Visitando astrogalicia.org/apod poderedes desfrutar, a diario, de marabillosas imaxes coma as que vos amosamos a continuación coa súa correspondente explicación na nosa lingua.
Hoxe é o Día da Ciencia en Galego
Hoxe, 4 de novembro, celébrase o II Día da Ciencia en Galego, unha conmemoración organizada por tres asociacións de ensinantes da nosa comunidade: AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática), ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia) e APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia).
Dado que este 2011 é, coincidindo co centenario da concesión do premio Nobel de Química a Marie Curie, o Ano Internacional da Química e dado que a científica polaca foi a primeira muller en recibir un destes premios (así como a primeira persoa en recibir dous), a celebración deste ano céntrase non só nesta disciplina, senón tamén no papel da muller na ciencia. Ademais de lembrar a figura de Marie Curie, neste II Día da Ciencia en Galego tamén se homenaxea a María Wonenburger, toda unha figura mundial das matemáticas que naceu en Oleiros hai 84 anos.
Se desexades máis información sobre este II Día da Ciencia en Galego, podédela atopar na páxina cienciaengalego.org.
O día de Ramón María Aller
Hoxe celébrase o Día do Científico Galego. Outro día falámosvos desta celebración, hoxe deixámosvos co homenaxeado este ano: Ramón María Aller Ulloa.
Comentarios recentes