Este xoves tamén hai teatro en Narón. O colectivo Carrachanacacha (Aturuxo de Melpómene)trae ao auditorio do concello unha peza escrita e dirixida por Leandro Lamas: Cipriano de Bequelar (Historia de amor e morte).
O elenco actoral compóñeno Quique Vázquez, Lorena Montero, Paula Morado e Silvia Casal. A cita, este xoves 20 de Setembro ás 20:30 horas.
Hoxe traémosvos unha recomendación teatral. O xoves que vén estréase en Narón a obra Bonecas, escrita e dirixida por Jose L. Prieto e protagonizada por Celia González e Paula Morado.
Clara e Rebeca.
Dúas irmás nunha habitación pasan o tempo oscilando entre a comedia e a traxedia.
Son vítimas inconscientes do perigo que corren.
Son bonecas rotas… pero elas non o saben.
A cita é ás 20:30 horas no Pazo da Cultura do concello naronés. E se non vos cadra ben… que saibades que tedes outra oportunidade o venres 14 á mesma hora.
O luns pasado tivo lugar no madrileño Teatro Circo Price a cerimonia de entrega dos XV Premios Max das Artes Escénicas, outorgados pola SGAE.
A lingua galega tiña reservado un lugar de privilexio na cerimonia a través da categoría que premia ao Mellor Autor Teatral en Galego. Eran candidatos Santiago Cortegoso, por 0,7% molotov, Roberto Salgueiro por Memoria de Helena e María e Avelino González, Artur Trillo e María Ordóñez, por Pelos na lingua, resultando galardoados estes últimos, por unha obra que, precisamente, ten como eixo principal a nosa lingua.
O vindeiro mércores 2 de maio, ás 20:30 horas, temos unha cita no Auditorio do Concello de Narón co alumnado 4º curso da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores.
O motivo: a presentación de Contos de Castelao, unha selección de relatos do autor rianxeiro. Dirixida por Flor Maceiras e coas voces de Suso Barro, Paula Morado, Patricia Doce, Cristina Moreira, Iván González e Iria Ameneiros.
Volve estar aberta ao público no Centro Cultural Carvalho Calero a exposición Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo.
Composta por diversos paneis con información relacionada cos diferentes etapas da vida de Carvalho Calero (“1910-1926. Ferrol: nacemento, infancia e mocidade”; “1926-1932. Universitario en Santiago de Compostela”; “1932-1936. Ferrol e a República”; “1936-1941. Guerra Civil e cárcere”; “1941-1950. Regreso a Ferrol”; “1950-1965. Vida e traballo en Lugo”; “1965.1980. Profesor na Universidade de Santiago”; “1980-1990. Esperar contra toda esperanza”; “1990. Benvido á inmortalidade”; “Adicatorias a Carvalho Calero”, “Obra Póstuma, estudos e homenaxes” e “2010. Centenario desde o Concello de Ferrol”) e dez audiovisuais cunha duración total de hora e media, así como unha colección de libros, fotografías, escritos, documentos e obxectos persoais do escritor ferrolán, estará dispoñible ata finais do mes que vén.
Avisámosvos con tempo, porque hai que ir buscando actividades para esta terrorífica ponte que nos vén encima. Terrorífica porque a noite do Samaín está á volta da esquina. E que mellor forma de celebralo que pasarse por Cedeira, alí onde a celebración celta do Samaín se recuperou e dende onde se extendeu a toda Galicia.
Ano tras ano, a Asociación de Amigos do Samaín achéganos un completo programa de actividades, que este ano se aglutinan en torno á data do 29 de outubro (sábado), para que todos (cantos máis mellor) poidamos desfrutar del. Xa imos pola vixésimo segunda edición!
PROGRAMA DA XXII FESTA DE SAMAIN
CEDEIRA 2011
O VENRES DÍA 28 DE OUTUBRO, ás 6 da tarde no paseo do Pinzón faremos o Fiadeiro das Castañas e Obradoiro de Caliveras, onde teremos zonchos preparados para que fagades os collares.
Ademais, a partir das 8 da tarde terá lugar, un espectáculo de circo, musica e humor a cargo do grupo Ringo Rango, espectáculo cómico ao límite do absurdo onde todos habemos pasar momentos ben divertidos.
E ás 10 da noite, no medio do río faremos o acto de inauguración do Samaín 2011, coa xa tradicional Queima da Cabaza.
SÁBADO 29 DE OUTUBRO – FESTA DE SAMAÍN
A partir das 5 da tarde, no Paseo do Pinzón, comezaremos a anotar os melóns para o Concurso Exposición, no que coma sempre, premiaranse aqueles que máis chamen a atención, polo seu tamaño, a súa orixinalidade, beleza natural, simpatía…
Os que queirades participar na Ginkana tamén vos podedes ir apuntando, finaliza para os máis “votados pa diante” cunha visita á Casa das Ánimas.
Obradoiro de Maqueado, a cargo de Fusa para deixarvos a cara “samainera”
Merendola de Outono, con bola de azucre e requeixo, son dous clásicos da festa que nesta ocasión non han de faltar.
Ao longo da tarde, teremos contacontos a cargo de Ni fú ni fá animación e actividades de animación con Anima Rúa
No lus con fus, a iso das oito e media, máis ou menos, sairá do Paseo a Pasarrúas das Pantasmas que con todas as luces apagadas percorrerá os currunchos máis escuros da vila, e se as pantasmas están de leria, levarannos por onde elas queiran. Deixádevos levar…e ao seu remate faremos a Entrega de Premios do Concurso Exposición, non quedando xa senón darnos entre todos o De Hoxe nun Ano e preguntarnos: ¿ Qué hai na praza? e contestarnos: ¡Papel de estraza! e así concluírmos: Cada un que se retire pra a súa casa.
MARTES 1 DE NOVEMBRO, ás 8 da tarde no auditorio municipal a función “Mackie, o Navallas” do grupo Bartoleta de Ferrol
Apetécevos algo de teatro? A Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón estrea hoxe o seu espectáculo de creación colectiva de 3º e 4º cursos Pasatempo. Dirixido por Pablo Sánchez e coa coordenación creativa de Jose Prieto, os creadores e intérpretes son Sabela Amado, Iria Ameneiros, Suso Barro, Felipe Carballido, Patricia Doce, Iván González, Cristina Moreira, Paula Morado e Chus Prieto.
Dende aquí desexámoslles moita sorte. A cita: ás oito e media da tarde no Pazo da Cultura de Narón.
Acabo de ler no periódico que o gaiteiro Carlos Núñez estará a finais do mes de abril na nosa cidade (os días 29 e 30 concretamente) con motivo de asistir a un congreso de música tradicional que organiza o Real Coro Toxos e Froles, decano dos coros galegos e toda unha institución no mundo da música galega.
Deste xeito retoman un proxecto que comezou xa fai case 12 anos, di, e que o Coro o toma como un intento de dar á música e á propia entidade a importancia que merecen. Completarán o cartel do congreso outras figuras importantes como Carlos Beceiro (músico naronés integrante de La Musgaña), o coro Treixadura e, tamén, o director do Museo da Gaita de Xixón. Dende logo unha interesante proposta para todos aqueles amantes ou “curiosos” da música da nosa terra.
Esta fin de semana comeza a xira 2011 dun dos estreos máis relevantes do ano pasado no que ao teatro galego se refire. Trátase de Un cranio furado, a última produción de Excéntricas, e cóllenos ben cerquiña, pois represéntase en Narón, no Pazo da Cultura.
Comentarios recentes