Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Á moda

Os Reis Magos falan galego

Xa está aquí o Nadal! E se aínda non botástedes ao correo a carta aos Reis Magos, preparádevos, porque hoxe ímosvos dar unhas cantas ideas. O ano pasado, a CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua) e a Deputación da Coruña editaron Agasallo, unha guía con propostas de regalos en galego ideal para estas festas. Libros, discos, aparellos electrónicos, pequenos detalles, roupa, filmes, xogos… todos eles con algo en común: o feito de teren á nosa lingua como protagonista. E aínda que, por desgraza, este ano non puideron repetir a experiencia, a verdade é que a práctica totalidade das propostas teñen a mesma validez para este 2011, así que que mellor que botarlle un ollo antes de selar o sobre. Podedes consultala pinchando aquí ou na imaxe inferior.

Elexide ben… e que non vos traian carbón!


Quero esa camiseta!

Algún día vos teremos que falar de Rei Zentolo, a empresa galega famosa polas súas camisetas, pero empezamos por lembrarvos a homenaxe que lle tributaron o ano pasado a Uxío Novoneyra a través deste marabilloso diseño, plasmado nunha camiseta que aínda podedes atopar á venda no seu sitio web.

DO COUREL A COMPOSTELA

Só tein os nosos nomes no censo,
Que astra a nosa suor sin alento se perde na terra.

GALIZA, ¿será a miña xeración quen te salve?
¿Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas?
¡Non, a forza do noso amor non pode ser inútile!

Uxío Novoneyra: Os eidos (1955)

Quero unha! ;)


Tinta de lura para ir á moda

En Xavedes! estamos atentos ás últimas tendencias. Xa podedes atopar en Toupa.net (e proximamente nun sitio web propio) as camisetas do proxecto Tinta de Lura.

Como eles mesmos nos explican,

O proxecto Tinta de Lura nace co propósito de difundir e realizar unha promoción da literatura galega, máis concretamente da poesía galega, a través de novas canles.

Unha desas canles é a creación, distribución e venda dunha colección de camisetas deseñadas a partir de textos de carácter poético pertencentes a diversos autores galegos. Tédelas normais

, entalladas

e para nenos.

A colección componse, polo momento, de textos de Estíbaliz Espinosa, Lois Pereiro, Lupe Gómez, Manoel Antonio, O Leo, Rosalía de Castro e Valentina Carro. Os prezos? Ao redor dos 16 €.

Seguir lendo >>