Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arañeira

#PobosGalegosFamosos

Se vos pasástedes onte á noite por Twitter, poderíades comprobar a festa que había montada a conta do hashtag  #PobosGalegosFamosos. Que de que ía a cousa? Pois de xogar cos topónimos galegos de xeito que, ao engadirlles unha grande dose de humor, convertilos en calquera outra cousa: personaxes famosos, grupos musicais, cidades do resto do mundo… Aínda podedes entrar e rebuscar entre os centos de tweets publicados (#PobosGalegosFamosos chegou a ser Trending Topic a nivel estatal), De seguro que botades unhas risas (e é que os hai moi bos). Nós deixámosvos cunha rápida selección, para que o comprobedes.

… e Verín Osborne, San Andreas de Teixido, Checoslaracha, Greta Arbo, Edgar Allan Poio, Redondelaware, Iker Caselas, Arcade Fire, Michael J. Foz, Sober y Ganar… XD


Xavedes! en portada? Chuza!

Cantas xentiña vos pasou onte polo noso blogue! E todo grazas a que alguén enviou un dos nosos artigos (no que vos falabamos do novo sitio web CanleTV) a Chuza!

E que é Chuza!? Pois Chuza! é un sitio web adicado á promoción de novas galegas, é dicir, unha sorte de Digg ou Menéame galego (de feito o seu código está baseado no deste último). Creado en 2006 por Berto Yáñez, o proxecto está hoxe en día nas mans dunha asociación cultural creada por un grupo de usuarios que, tralo seu peche en xullo do 2010, decidiu mantelo vivo.

Como funciona? Pois en primeiro lugar os usuarios rexistrados envían noticias a Chuza!, noticias que pasan a unha lista de pendentes onde a comunidade a irá valorando positiva ou negativamente, de xeito que a súa valoración (o seu karma) vai aumentando ou diminuíndo ata o momento no que está en disposición ou non de pasar á portada da web. É dicir, son os propios usuarios os que deciden se unha nova é interesante ou non.

Iso foi o que lle pasou onte ao noso artigo, que grazas aos votos positivos dos usuarios acabou na portada de Chuza!

E nós moi agradecidos! :)


Ano celsoemilioferreiro.org

Lembrade que, co gallo do centenario do seu nacemento, este 2012 foi proclamado Ano Celso Emilio Ferreiro.

Pois o pasado 17 de febreiro presentouse a programación deste Ano Celso Emilio Ferreiro (podédela consultar premendo na imaxe inferior), que inclúe unha exposición interactiva itinerante, espectáculos musicais…

ou a presentación da páxina web oficial do autor: celsoemilioferreiro.org, na que podedes atopar completa información sobre o poeta celanovés.

Feliz ano Ferreiro!


Xacabozamos!

Sabedes que hai unha rede social 100% feita en Galicia? Chámase Cabozo e vén de celebrar o seu 3º aniversario.

A finais de 2007 Antonio Mariño e Ánxel Folgueira creaban unha pequena rede social destinada a que un pequeno grupo de amigos separados fisicamente puidese manter o contacto. A partir de aí o proxecto foi evolucionando: adquirindo o nome de Cabozo en troques do orixinal Pantry, traducíndose ao galego e, finalmente, facéndose abríndose ao público en xeral en febreiro de 2009. Hoxe en día calquera pode entrar a formar parte da comunidade de Cabozo: o único que necesita é unha invitación (aquí podedes descubrir como conseguir unha).

Nós pedimos a nosa a semana pasada, e agora xa somos un dos 3775 cabozeiros rexistrados. Se queredes visitar o noso perfil neste… como o definiríamos…? como unha sorte de Facebook á galega cun moito de Twitter?, pois só tedes que entrar en cabozo.com/user/Xavedes ou pinchar na imaxe inferior.


Rosalía de Castro

Rosalía de Castro é TT en Twitter!


#prazapublica

#prazapublica é TT en Twitter!


valentinpazandrade.es

Catro meses faltan para que chegue o Día das Letras Galegas deste 2012, así que por que non ir aprendendo algo sobre a figura do homenaxeado: o pontevedrés Valentín Paz-Andrade.

Avogado, xornalista, poeta, viaxeiro, home de empresa e vinculado a política. A personalidade multifacética de Valentin Paz-Andrade, empapada ao mesmo tempo de grande humanidade, estivera marcada por un único obxetivo: traballar por e para Galicia.

Esta é a descrición que de Paz-Andrade fai a súa páxina web (valentinpazandrade.es), que vén de presentarse recentemente.

Visitándoa poderedes acceder a unha gran cantidade de información sobre a súa figura: coñecer a súa biografía, a súa obra, contemplar unha abondosa colección fotográfica ou estar informado de tódolos eventos organizados ao seu redor.


#puntogal

Hoxe #puntogal foi TT en Twitter!


http://www.xavedes.gal

Imaxinádesvos? Un dominio de internet para a lingua e a cultura galegas? A ICANN, a corporación que goberna os nomes de Internet, abre mañá un proceso de solicitude de novos dominios (é o primeiro dende 2004) e a Asociación Puntogal, da que forman parte entidades como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, vén de anunciar que remitirá a candidatura para un identificador de máximo nivel para a lingua e a culturas galegas, o .gal.

Un desexo que basean na necesidade de que a tanto unha como a a outra se doten dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeran na rede, facéndose máis visibles dentro da mesma e que trala creación en 2005 do dominio .cat para a lingua e a cultura catalás (trátase do primeiro e único dominio de tipo cultural recoñecido pola ICANN en todo o mundo) espera facerse realidade en 2013.

Un complexo exame agarda ao .gal. Nós dámoslle un dez!


#Castelao

#Castelao é TT en Twitter!


Tempos (máis) novos

E seguimos coas boas novas. Onte presentouse en Santiago Tempos Dixital, a nova web da revista Tempos Novos.

Tempos novos é unha revista mensual que vén publicándose dende hai xa 14 anos. Agora retoman a súa actividade na rede con esta nova versión dixital que, aseguran, ten como un dos seus principais obxectivos o de ampliar a franxa de idade dos seus lectores, combinando artigos extraídos da edición en papel con outros destinados a un público máis novo. Demóstrano abrindo co ata logo de The Homens.

É ou non é marabilloso dispoñer doutro medio en galego máis co que ir enchendo o baleiro deixado por Galicia Hoxe e Xornal de Galicia?

Benvidos!


Que hai na praza?

Xa abonda de anunciar desaparición de medios de comunicación en galego! Está a punto de comezar a súa andaina un novo diario dixital na nosa lingua. Trátase de Praza pública (prazapublica.com) e é un proxecto de Manolo Barreiro, Filipe Díaz e Marcos Pérez Pena. Será tal que así.

Pero mellor que volo conten eles mesmos: se visitades prazapublica.com nestes días previos ao seu lanzamento definitivo, atoparédesvos cunha completa presentación na que nos falan do seu proxecto.

Que vos parece? Nós desexámoslles moita sorte!


#twitterengalego

Este fin de semana houbo movida en Twitter a conta de que esta rede social non só non conta entre os idiomas dispoñibles co catalán, o éuscaro ou o galego, senon que nin sequera tivo a ben incluílos na listaxe de linguas ás que traducila nun futuro próximo.

O hashtag #twitterencatalá, demandando Twitter neste idioma, pronto se fixo notar entre os temas do momento (xasabedes, os famosos Trending Topics), e #twitterengalego non se quedou atrás. Como exemplo, valla este chío de Julia Otero que une ambos os dous.

Pero, como conseguilo? Pois se sodes usuarios de Twitter e queredes que estea dispoñible no noso idioma, podedes apoiar esta petición ofrecéndovos como tradutores. Só tedes que encher o formulario que atoparedes na seguinte ligazón: https://spreadsheets.google.com/spreadsheet/viewform?formkey=dGNNMlNfWjRKaUFqLXQxQVlLbVhIWnc6MQ&ifq

Botades unha man?


Lois Pereiro

Lois Pereiro é TT en Twitter!


Lois Pereiro metido nun blogue

Outra das cousas que tiñamos pendentes de presentarvos neste mes de maio era o blogue oficial de Lois Pereiro.

Podédelo atopar aquí, en loispereiro.blogaliza.org, e ten de todo: dende vídeos ou fotografías… Ata cousas máis sorprendentes como deseños

manuscritos

ou as colaboracións de Lois Pereiro na Revista Loia.

Unha marabilla, vaia. E ademais… NÓS TAMÉN SAÍMOS!

;)


Tedes unha idea?

Seguimos repasando aquelas candidaturas aos Premios Mestre Mateo 2010 que teñen relación coa promoción da lingua galega. Hoxe é o turno de GalegoLab, que aspira ao premio de mellor obra interactiva.

Que é GalegoLab? Pois trátase dunha rede social de crowdsourcing (esperade, agora volo explico) que ten como obxectivo impulsar accións a prol da lingua galega. Como? Pois a través dunha páxina web (galegolab.org) e dos aportes dos seus usuarios. Iso é  o crowdsourcing: a combinación do traballo e os recursos dunha colectividade a través dun sitio web e perseguindo un fin determinado.

Por exemplo: eu teño unha idea dirixida á promoción do galego. Por exemplo: que Twitter esté en galego, chegar aos 100.000 artigos en galego na Wikipedia, que o Deportivo e o Celta empreguen o galego nas súas comunicacións… Pois o que teño que facer é presentarlla á comunidade: explicala, enumerar o que se necesita para levala a cabo e os obxectivos que se pretenden acadar, como se debería desenvolver, fixar un prazo de execución e, finalmente, explicitar cal sería a miña aportación, posto que podo limitarme a propoñer a idea ou facerme cargo da mesma.

A partir deste punto, se GalegoLab o aproba e os usuarios a respaldan, a miña idea transformarase nun proxecto, abríndose un prazo de ata tres meses para conseguir os recursos (colaboradores, material, diñeiro…) necesarios para a súa realización.

Pasádevos por galegolab.org e botádelle un vistazo ás ideas que se están a valorar, aos proxectos nos que se pode colaborar e aos xa realizados.

E se tedes unha idea….


O Día das #palabrasgalegas

Se non tedes conta en Twitter ou estabades a outras cousas (o normal un sábado pola tarde), perdéstedesvos unha boa festa por conta da nosa lingua antonte.

Explícovos. Ao longo da semana pasada foron aparecendo entre os Temas do momento (os famosos Trending Topics) de Twitter varias etiquetas baixo as que xentes de distintas rexións españolas deixaban tweets (mensaxes, vaia) que contiñan vocabulario ou fraseoloxía da súa comunidade. Todo comezou coas #paraulesmallorquines, seguírono as #palabrasandaluzas e finalmente chegaron as #palabrasmurcianas. Un #palabrasgalegas non podía tardar.

E así foi. O venres pola mañá unha mensaxe de Rodolfo Irago, periodista da Cadena Ser e antigo xefe de informativos da emisora, dáballe o empuxón que lle facía falta ao tema. Tratábase deste tuit dirixido ao profesor da USC Antón Losada:

Dito e feito. A comunidade galega en Twitter lanzouse a comentar as súas palabras favoritas…

, as súas expresións preferidas…

, frases célebres…

Tuiteiros ilustres fixeron as súas aportacións. Escritores como Xabier P. DoCampo

, xornalistas como Xosé Manuel Pereiro

, xente do audiovisual como Pancho Casal

Por certo, nós tamén deixamos a nosa pegada:

O furor foi tal que pronto #palabrasgalegas entrou na listaxe de Temas do momento a nivel español, acadando o primeiro posto pouco tempo despois. Somentes a chegada da Fórmula 1 a mañá do domingo foi quen de facela retroceder, se ben á tarde o lugar de privilexio volvía a estar ocupado polo idioma galego. E alí estivo case que todo o domingo: máis de 11.000 mensaxes procedentes de máis de 2.000 usuarios distintos. Máis aló da anécdota (que o é), un gran día para a nosa lingua, alomenos no que á súa presenza na rede se refire (agora só falta que Twitter estea dispoñible en galego).

Faltou un chisco para ser Trending Topic a nivel mundial, pero…

Visto a que se montou non é de extrañar que Roberto Sánchez, o director do marabilloso programa das madrugadas da Cadena Ser Si amanece nos vamos, chegue a propoñer

Subscribimos! ;)

Seguir lendo >>


#palabrasgalegas

#palabrasgalegas é TT en Twitter!


ガリシアをこよなく愛する日本人。

O pasado venres espertábamos con preocupantes novas chegadas dende o Xapón. O terremoto de 9 grados de magnitude e o posterior tsunami deixan a estas horas máis de 1600 mortes confirmadas (e o temor de que a cifra se achegue ata as 10000), cidades arrasadas e unha crise nuclear entre as mans. Vaia dende aquí a nosa solidariedade co pobo xaponés.

E co Xapón nas nosas mentes, queremos aproveitar para contarvos unha pequena historia que chegou ata nós grazas á cobertura informativa da catástrofe.

Masashi é o nome dun rapaz xaponés que estivo vivindo (e estudando) uns anos en Santiago de Compostela, e a pesar de que xa hai case tres que marchou, quedoulle desa experiencia un gran cariño pola nosa terra… e polo noso idioma. Dende febreiro de 2007, Masashi vén relatando no seu blogue Imos a Galicia!/Imos a Xapon! (blog.livedoor.jp/galicia) as súas vivencias dende que coñeceu Galicia; ao comezo en castelán (e en xaponés, claro) e, a medida que o vai descubrindo, tamén en galego. Unha lectura rápida lévanos a presenciar os seus encontros coa flora e coa fauna santiaguesa, así como os seus contactos coa nosa “boa lingua”.

Na paxina web de “Imos a Galicia!/Imos a Xapon!” quero introducirvos a cultura xaponesa aos galegos e a cultura galega aos xaponeses! O intercambio cultural construira unha boa relacion entre Galicia e Xapon. Podedes deixar comentario en galego, castelan, ingles ou xapones!

Por se isto fose pouco, Masashi é un dos autores dun libro sobre Galicia que se acaba de publicar no Xapón, no que el escribe sobre a historia e a política da nosa rexión.

Contábao hai uns días a través do seu perfil en Twitter. Nesta rede social escribe como o usuario @galiciaxapon e preséntase como Masashi (GZ+XP). “Eu son xapones! Gostame Galicia!! ガリシアをこよなく愛する日本人 dinos a súa biografía.

Foi precisamente a súa actividade en Twitter a que fixo a este xaponés licenciado en dereito ser noticia durante esta fin de semana en Galicia. Masashi, que agora reside en Toquio, está vivindo en primeira persoa as consecuencias do terremoto do venres e estánolo contando a través de Twitter… en galego!

Así que xa sabedes, se queredes entender o que está a suceder en Xapón, @galiciaxapon explícavolo ben clariño. Nin que fose do mesmo barrio de Caranza!


Réquiem por flocos.tv

Aínda non vos presentáramos neste blogue a web flocos.tv. Tiñamos un artigo a medio escribir, pero quedará sen publicar, porque o pasado luns a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) pechaba este sitio web orientado á difusión do cinema galego.

Flocos.tv funcionaba como unha sorte de videoclube no que se almaceaban máis de 300 títulos do audiovisual galego dispoñibles para a súa visualización en liña. Longametraxes de ficción, de animación, curtas, documentais… todas elas producidas na nosa terra e a maior parte realizadas na nosa lingua.

Este era o aspecto que tiña ata o luns pasado:

E este o que ten agora:

Unha verdadeira mágoa que un proxecto tan interesante como este quede sen concluir (a actualización dos seus contidos interrompérase hai xa un par de anos, quedando máis de 300 pezas por dixitalizar), pero máis aínda que bote o peche. Oxalá este baleiro que deixa flocos.tv sexa temporal e pronto poidamos desfrutar dalgunha nova páxina que tome o seu relevo, pero moito nos tememos que isto non vai suceder (polo menos en breve).

Afortunadamente, todavía existen formas de desfrutar dalgunha destas produccións a través de internet (YouTube, Google videos, Vimeo…) e páxinas que nos guíen na nosa busca, así que… mans á obra!

 


Falar sen parar e dicindo cousas sen xeito

Esta é a definición da RAG do verbo latricar. Que a que ven isto? Pois veredes. Hai uns días informábamosvos de que o noso blogue está en Twitter, a rede social de mensaxes curtas que tanto está dando que falar nestes días. Pero Twitter ten certas carencias, e é que, ao contrario que outros sitios como Facebook ou WordPress (o servicio de aloxamento de blogues no que nos movemos), non está dispoñible en galego. Para subsanar estas deficiencias está latri.ca, a rede de microblogging (ou como lle chamen) en galego.

Latri.ca vén sendo un Twitter á galega, pensado para que persoas que falan galego ou se atopan na nosa terra se comuniquen a través de 200 caracteres (porque, din, os 160 de Twitter non nos chegan aos galegos ;)), aos que se lle poden sumar ligazóns, fotos, vídeos ou arquivos de calquer tipo.

E nós, que non queremos deixar de apoiar aquelas iniciativas que contribúen a dotar á lingua galega dunha maior presenza na rede, puxémonos mans á obra e xa temos perfil en latri.ca (latri.ca/Xavedes).

Animádesvos a latricar?


As cunchas, o pandeiro, as tarrañolas…

… a zanfona, o charrasco, a gaita… Na música tradicional galega coñécense máis dun centenar de instrumentos.

Hoxe querémosvos falar do traballo de Pablo Carpintero. Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (onde foi profesor de Bioquímica), pero tamén gaiteiro e artesán, é unha das principais figuras no campo da recuperación e conservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (coñecementos, instrumentos, tradicións…) galego. No ano 2009, Carpintero publicou o libro “Os instrumentos musicais na tradicións galega”, un completísimo traballo de investigación no que cataloga uns 150 instrumentos.

Nesta obra descríbese cada instrumento, como se constrúe, como se toca, de onde procede o seu nome… Dende as castañolas á pandeireta, dende as noces ao acordeón, sempre coa compaña das ilustracións do debuxante Ramón Marín e de gran cantidade fotografías.

O caso é que hai unhas semanas presentouse a versión interactiva deste libro que chegou a ser un dos máis lidos en lingua galega, unha versión dixital que enriquece a versión en papel coa incorporación de diferentes sons e vídeos e que se atopa dispoñible para todos nós na páxina web do Consello da Cultura Galega. Na seguinte ligazón: www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/. Botádelle un vistazo porque é, de verdade, unha verdadeira marabilla.

E se queredes coñecer mellor a Pablo Carpintero e o seu traballo, o mércores pasado foi o protagonista do programa da TVG Alalá. Pinchade aquí para reproducilo.


Museo Castelao

O pasado domingo cumpríronse 125 anos do nacemento de Castelao. Hoxe presentámosvos un museo no que poderedes levar a cabo un completo percorrido pola súa obra. Trátase dun museo, si, pero virtual. No Museo Castelao (museocastelao.org) podemos atopar documentos sonoros, unha completa biografía, un apartado adicado á súa obra gráfica, unha escolma dos seus textos literarios…

E a entrada é gratuíta! ;)