Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo do autor

Palabra! | xoaniña

xoaniña s.f. Insecto da orde dos coleópteros, de forma arredondada, con élitros de cor encarnada viva, con sete puntos negros. Xoaniña de Deus, cóntame os dedos e vaite con Deus. SIN. barrosiñapapoia, reirrei, xoana.



Orellas ou freixós?

De que vos ides encher este entroido? ;) Nós ímonos de festa, pero antes deixámosvos unha interesante ligazón chea do traballo dun bo número de centros educativos de toda Galicia. Se entrades en coordinadoraendl.org/2011entroido atoparédesvos cun bo feixe de recursos (libros, presentacións, receitas…) cos que aprender máis sobre o carnaval en xeral e sobre o entroido na nosa terra en particular.

Veña, non vos entretemos máis. Pasádeo ben. Vémonos á volta das vacacións!


Son de poetas: unha antoloxía da poesía galega diferente

Esta poesía de Álvaro Cunqueiro que vos trouxemos hoxe vainos dar pé para vos introducir un interesantísimo sitio web. A ver… porque a poesía sóavos, non? No niño novo do vento é un dos poemas máis coñecidos da nosa lingua, grazas sobre todo ás adaptacións musicais que dela se teñen feito.

Todo parte da adaptación que dela fixo Luís Emilio Batallán alá polo ano 1975 no seu disco Ahí ven o maio.

Logo virían a revisión de Amancio Prada (1987)

, a versión heavy! de Astarot (2000)

, a voz de Laura Alonso nas mans de Milladoiro (2008)

e a transformación pop a cargo de Xoel López.

E de onde sacamos toda esta información? Pois de son de poetas (sondepoetas.blogspot.com), unha páxina froito do traballo do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES David Buján de Cambre que recolle unha completa (completísima) antoloxía da poesía galega musicada.

Na imaxe superior (pinchade nela para ampliala) tedes unha explicación do funcionamento do sitio, no que como podedes comprobar se recollen, clasificados por épocas, unha gran variedade de poemas escritos no noso idioma. Todos teñen algo en común: que foron musicados nalgunha ocasión. En son de poetas poderemos desfrutar da lectura das poesías de Ricardo Carvalho Calero, Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro, pero tamén da escoita das interpretacións que grupos como Fanny + Alexander, Luar na Lubre ou Quempallou fan dos seus textos.

Antolóxico! ;)

 


Museo Castelao

O pasado domingo cumpríronse 125 anos do nacemento de Castelao. Hoxe presentámosvos un museo no que poderedes levar a cabo un completo percorrido pola súa obra. Trátase dun museo, si, pero virtual. No Museo Castelao (museocastelao.org) podemos atopar documentos sonoros, unha completa biografía, un apartado adicado á súa obra gráfica, unha escolma dos seus textos literarios…

E a entrada é gratuíta! ;)


Modelo Burela

Sobre a base do Proxecto de Innovación Educativa do I.E.S. Perdouro de Burela, elaborouse o Modelo Burela de Planificación Lingüística, un exemplo a seguir de integración social e lingüística nunha vila mariñeira da costa lucense de a penas 13.000 habitantes.

Con este vídeo, extraído dun documental de unha hora e seis minutos de duración que podedes ver íntegro aquí, despedimos a semana.