Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 13/11/2019

Dezaseisavos de final: Ezetaerre ou Labregos do tempo dos Sputniks?

A 4ª e última eliminatoria desta semana conduce a rutas máis urbanas.

A “construír outro verán” é ao que nos anima o rap dos Ezetaerre, que no 2017 deron resposta con este temazo cheo de crítica social aos célebres anuncios estivais da marca de cervexas mediterránea do título.

Non é verán de Estrella Damm
Ezetaerre
Non é verán de Estrella Damm (Single) (2017)

Un ano antes, os Labregos do tempo dos Sputniks recolleron no seu álbum Libremente varios anos de traballo tanto colectivo como dos seus membros por separado. García MC, compoñente tamén duns Dios Ke Te Crew que igualmente nos han visitar nas próximas semanas, xa adaptara o poema de Lois Pereiro ao redor do que se constrúe o tema que aquí vos traemos no seu traballo de 2012 Abaixo e De Pé. A súa voz e a d’O Leo únense aquí para levar por novos vellos camiños a obra do poeta monfortino.

Amor e sangue en Chiapas
Labregos do tempo dos Sputniks
Libremente (2016)


Dezaseisavos de final: Skandalo GZ ou Ruxe Ruxe?

Sons máis contundentes para a nosa 3ª eliminatoria.

Punk e ska dende Ponteareas é o que nos traen os Skandalo GZ. O tema seleccionado, Abrindo camiño, un corte do seu LP de 2015 no que colabora Nervo, MC de Rebeliom do Inframundo (que en breve entrarán en liza tamén).

Abrindo camiño
Skandalo GZ
Abrindo camiños (2015)

E que dicir do rock tradicional de Ruxe Ruxe que non se teña dito xa ao longo das máis de dúas décadas que levan en activo. No 2012 trouxéronos este tema que resume á perfección a aposta desta banda compostelá.

Rock do país
Ruxe Ruxe
Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras (2012)


Dezaseisavos de final: Narf e Manecas Costa ou Eladio y Los Seres Queridos?

Se de algo vai sobrada a nosa 2ª eliminatoria é de beleza.

Por unha banda temos a Fran Pérez, Narf, (canto o bota de menos a nosa música!), acompañado do cantante e compositor de Guinea-Bissau Manecas Costa con Esta noite, un dos cortes de Aló irmao!, o disco que publicaron conxuntamente no ano 2010 e que gravaran ao vivo no Teatro Principal de Santiago uns meses antes.

Esta noite
Narf e Manecas Costa
Aló irmao! (2010)

Por outra está Non quero perderte, a adaptación ao galego que Eladio y Los Seres Queridos fixeron para o seu segundo álbum, Están ustedes unidos, dun tema que xa incluíran no seu disco de debut (aínda baixo o nome de Elodio y Los Seres Queridos). A peza, fermosa de por si, cobra toda unha nova dimensión nesta versión na nosa língua.

Non quero perderte
Eladio y Los Seres Queridos
Están ustedes unidos (2011)

❤️


Dezaseisavos de final: Familia Caamagno ou Esposa?

A primeira eliminatoria enfronta as melodías pop de Esposa, co toque garaxeiro da Familia Caamagno.

Os primeiros sorprenderon en 2016 con Señor de, un EP que foi considerado pola revista Mondosonoro como o mellor do ano na súa edición para Galicia-Castela e León. Ao ano seguinte lanzaban o seu primeiro longa duración Xardín interior, do que vos traemos a canción homónima, acompañada dese videoclip tan… difícil de describir. 😅

Xardín interior
Esposa
Xardín interior (2017)

Aos de Sigüeiro vimos procurando non perderlles a pista dende que nos marabillaron co seu debut de 2012. Banda festivaleira por excelencia, os seus directos son célebres máis aló das nosas fronteiras. Maniotas aseguradas! Con só escoitar o ritmo dos seus Surfistas nazis, xa vos faredes unha idea:

Surfistas nazis
Familia Caamagno

Hai que andar cos tempos (2014)


A Canción d10z!

A década está a piques de rematar. E non se nos ocorre mellor maneira de celebralo que lembrar as grandes cancións escritas no noso idioma que nos deixaron estes anos 10.

A iso se van dedicar os maiores do noso colexio ao longo das vindeiras semanas: a escoller, de entre unha serie de cancións que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega seleccionou para eles, a mellor canción na nosa lingua dos últimos dez anos. Con esta iniciativa buscamos que rapazas e rapaces se familiaricen coas expresións musicais actuais en galego, que se cadra descubran novos grupos favoritos, e finalmente que rachen cos prexuízos que reducen o uso do galego na música ao ámbito tradicional. Rock, hip hop, pop, ska, folk, electrónica… ata o trap estará presente nun cadro que iremos enchendo durante as próximas semanas e no que xa se poden ver os 8 primeiros artistas en liza.

Dezaseisavos (A canción d10z)v3-pdf (1).jpg

32  cancións de 32 intérpretes do noso país publicadas entre 2010 e este 2019 iranse enfrontando entre si ronda tras ronda ata que só quede unha, que o noso esixente xurado nomeará como Mellor canción en galego da década. Unha canción de 10 para os anos 10.