Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 06/06/2012

O espazo… en galego

Hai unhas horas vén de completarse un dos fenómenos astronómicos máis peculiares: o tránsito de Venus. É dicir, o paso de Venus entre a Terra e o Sol de forma que se produce o ocultamento dunha pequena parte da superficie do astro rei. Xa que no noso país o fenómeno desenvolveuse case por completo durante a noite, moitos tivemos que recurrir a outros medios para poder seguilo (non se volverá repetir ata o ano 2117!). Unha posibilidade foi visitar a páxina da Astronomy Picture of the Day da NASA, a axencia espacial estadounidense, onde cada día nos traen unha imaxe diferente do noso universo, acompañada dunha breve explicación redactada por un astrónomo.

E que pasa se non entendemos nin papa de inglés? Pois non vos preocupedes, porque dende hai pouco máis de un ano existe unha versión en galego da APOD. Visitando astrogalicia.org/apod poderedes desfrutar, a diario, de marabillosas imaxes coma as que vos amosamos a continuación coa súa correspondente explicación na nosa lingua.