Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 07/03/2012

Xavedes! en portada? Chuza!

Cantas xentiña vos pasou onte polo noso blogue! E todo grazas a que alguén enviou un dos nosos artigos (no que vos falabamos do novo sitio web CanleTV) a Chuza!

E que é Chuza!? Pois Chuza! é un sitio web adicado á promoción de novas galegas, é dicir, unha sorte de Digg ou Menéame galego (de feito o seu código está baseado no deste último). Creado en 2006 por Berto Yáñez, o proxecto está hoxe en día nas mans dunha asociación cultural creada por un grupo de usuarios que, tralo seu peche en xullo do 2010, decidiu mantelo vivo.

Como funciona? Pois en primeiro lugar os usuarios rexistrados envían noticias a Chuza!, noticias que pasan a unha lista de pendentes onde a comunidade a irá valorando positiva ou negativamente, de xeito que a súa valoración (o seu karma) vai aumentando ou diminuíndo ata o momento no que está en disposición ou non de pasar á portada da web. É dicir, son os propios usuarios os que deciden se unha nova é interesante ou non.

Iso foi o que lle pasou onte ao noso artigo, que grazas aos votos positivos dos usuarios acabou na portada de Chuza!

E nós moi agradecidos! :)