Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 05/03/2012

Un ano despois… De flocos.tv a CanleTV

Por fin! Un ano despois de que a Axencia Galega das Industrias Audiovisuais (AGADIC) pechase flocos.tv, o sitio web orientado á difusión do cinema galego, vén de nacer o seu substituto: CanleTV (canletv.agadic.info).

Polo momento semella que se limita a recoller algúns dos títulos que anteriormente puidemos desfrutar en flocos.tv, contando cun total de 86 cintas dispoñibles (lonxe polo tanto dos máis de 300 títulos que almacenaba flocos.tv) que se atopan distribuídas en 5 categorías distintas: ficción, animación, documental, experimental e videoclips (polo de agora baleira). Nunha sexta categoría, adiantos, podemos atopar varias ducias de tráilers.

Esperando que a colección de títulos que nos ofrece CanleTV comece a medrar axiña (non hai ningún filme posterior a 2008), recomendámosvos que a probedes. E se non sabedes por onde empezar, ímosvos propoñer o visionado da cinta de animación (en plastilina) A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry e baseada nun conto do Premio Nobel de Literatura José Saramago (e narrada por el mesmo!).

Pinchade aquí ou na imaxe inferior (o cartel da cinta) e accederedes á páxina de CanleTV onde poderedes reproducila.