Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para Novembro, 2011

Magosto 2011

O pasado venres 28 de outubro o primeiro ciclo de primaria do noso colexio celebrou na aula un magosto particular. Este ano pensaron en facer unha manualidade coas castañas, deseñando arañas con este froito delicioso.

Aquí tedes o resultado…


Galegofalagora


Outono (II)

Xa pasou o San Martiño, pero o o outono segue con nós. Á espera de traervos ata aquí algún dos murais elaborados con elementos outonais que decoran o noso colexio este ano, podemos lembrar algunha das marabillas do ano pasado.

Ourizo²!


Dito! | A todo porco…

A todo porco lle chega o seu San Martiño.


Palabra! | asubío

asubíos.m. 1. Son agudo que se produce ó pasa-lo aire por unha abertura estreita, como a dun chifre, ou a da boca cos labios case cerrados. Oíanse uns asubíos ó lonxe. Despediron a súa actuación con asubíos. 2. Pequeno instrumento que serve para asubiar. Merqueille un asubío ó neno. SIN. chifre, pito1.


Eu xavexo, ti xaves, el xave…

Aínda nos quedan por vos traer ao Xavedes! unha morea de recursos relacionados coa nosa lingua. Este chegou onte aos nosos oídos.

Trátase dun conxugador de verbos en galego, unha ferramenta coa que poderedes comprobar se estades a conxugar correctamente ese verbo que vos plantexa dúbidas. O seu nome é Cilenis e para acceder a el, simplemente tedes que visitar a páxina conxugador.cilenis.com

Só tedes que introducir no cadro de búsqueda o infinitivo do verbo que queredes conxugar (se queredes restrinxilo aos verbos presentes no Vocabulario ortográfico da Lingua Galega da RAG (VOLG) podedes facelo marcando a pestana correspondente) e premer o botón correspondente.

Fagamos unha proba para que vexades o resultado. Imos conxugar o verbo esborrallar:

Útil, verdade? Pois veña… conxugando (xerundio do verbo conxugar, non? ;) ).


“Unha lingua é boa cando sabe a pan, a pan fresco que se mete na boca”

Esta é a frase de Álvaro Cunqueiro que inspirou á comunidade educativa do CPI Virxe da Saleta, do concello ourensá de San Cristovo de Cea para cociñar a letra de A lingua sabe a pan, o lipdub que está arrasando na rede estes últimos días (en seis días está a piques de alcanzar as 10.000 visitas!). Tomando a música do Miña terra galega de Siniestro Total (que á súa vez é unha versión do Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd), o alumnado e mailo profesorado deste centro cántanlle á lingua galega coa mesma arte coa que nos fornos da súa localidade se elabora o célebre Pan de Cea.

Velos e escoitalos é todo un regalo que estamos encantados de compartir.

Podedes descargar o tema aquí, e a letra deixámovola a continuación:

Gústanos falar idiomas
inglés, francés e castelán,
pero temos lingua propia
ninguén o pode negar.

Amasada a modiño
dende hai moito tempo atrás
cocida a lume lento
lista para o teu padal.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar

Nos versos de Rosalía
nos piñeiros de Pondal,
no folk de Fuxan Os Ventos
no rock bravú e máis no rap.

Escóitase pola radio
tamén na TVG,
pero bótase de menos
en moitos outros sitios máis.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan.

Atrevédesvos a cantala?


Wigo!

Que concertazo! O venres pasado pasou por Vigo a que, posiblemente, sexa a mellor banda de rock do mundo (ou, cando menos, a mellor banda de rock do mundo en directo): os estadounidenses Wilco. Pouco máis de 1400 afortunados puidemos desfrutar, por segunda vez en Galicia (xa tocaran en Santiago alá por xullo do 2009), dun concerto impecable.

A banda liderada por Jeff Tweedy viña de presentar o seu novo disco, The Whole Love, e este foi o que aportou un maior número de temas (ata 6) a un repertorio que, como é lóxico, tamén visitou grandes fitos da súa carreira como I Am Trying to Break Your Heart, Hummingbird, Handshake drugs (grandiosa), Jesus, Etc. ou, antes duns frenéticos bises, a imprevista Missunderstood. A única pega: que a pesar do cambio de última hora na ubicación do concerto (pasou do inicialmente previsto Pavillón das Travesas ao Auditorio do Mar de Vigo) non se conseguiu un sonido perfecto, alomenos non en tódolos momentos, alomenos non en tódalas zonas do auditorio. Ao público, entregado, non pareceu importarlle.

Pero é que vendo en acción a Neils Cline á guitarra solista, todo se perdona. Para mostra, esta gravación do concerto do venres na que a banda de Chicago ataca Impossible Germany coa precisión que os caracteriza. Un tema máis que engadir á nosa colección de música traducida ao galego, esta interpretada en campo propio. Atención ao solo de guitarra!

Impossible Germany
Wilco
Auditorio do Mar de Vigo (04/11/2011)

Imposible Alemaña

Imposible Germany

Imposible Alemaña
Improbable Xapón

Impossible Germany
Unlikely Japan

Onde queira que vaias
Onde queira que chegues
Direi o que isto significa para min
Farei o que poda

Wherever you go
Wherever you land
I’ll say what this means to me
I’ll do what I can

Imposible Alemaña
Improbable Xapón

Impossible Germany
Unlikely Japan

O problema fundamental
Que todos necesitamos encarar
Isto é importante
Pero sei que non estás escoitando
Oh, sei que non estás escoitando

The fundamental problem
We all need to face
This is important
But I know you’re not listening
Oh I know you’re not listening

Se isto fose novo para min
Non o entendería

If this was still new to me
I wouldn’t understand

Imposible Alemaña
Improbable Xapón

Impossible Germany
Unlikely Japan

Pero para isto é o amor
Para estar fóra de lugar
Fermoso e só
Cara a cara

But this is what love is for
To be out of place
Gorgeous and alone
Face to face

Sen problemas máis importantes
Que non é necesario liquidar
Nada máis importante que saber
Que alguén está escoitando
Agora sei

Que me vas escoitar

With no larger problems
That need to be erased
Nothing more important than to know
Someone’s listening
Now I know
You’ll be listening
Póñome en pé!

Hoxe é o Día da Ciencia en Galego

Hoxe, 4 de novembro, celébrase o II Día da Ciencia en Galego, unha conmemoración organizada por tres asociacións de ensinantes da nosa comunidade: AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática), ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia) e APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia).

Dado que este 2011 é, coincidindo co centenario da concesión do premio Nobel de Química a Marie Curie, o Ano Internacional da Química e dado que a científica polaca foi a primeira muller en recibir un destes premios (así como a primeira persoa en recibir dous), a celebración deste ano céntrase non só nesta disciplina, senón tamén no papel da muller na ciencia. Ademais de lembrar a figura de Marie Curie, neste II Día da Ciencia en Galego tamén se homenaxea a María Wonenburger, toda unha figura mundial das matemáticas que naceu en Oleiros hai 84 anos.

Se desexades máis información sobre este II Día da Ciencia en Galego, podédela atopar na páxina cienciaengalego.org.


Os prexuízos lingüísticos

Na reunión de Café en galego de onte estivemos a falar sobre os prexuízos lingüísticos: primeiro a través da lectura dun pequeno relato de Séchu Sende e despois comentando un pequeno texto sobre o tema elaborado polo profesorado da materia de Lingua galega para os rapaces e rapazas de 1º da ESO, que con el completan os contidos da unidade 2 sobre as linguas do Estado español. Traémolo tamén ata aquí, para que siga o debate. Podedes lelo a continuación ou descargalo aquí (ou pinchando encima das imaxes) en formato .pdf.