Que están lendo… no 1º ciclo da ESO? O misterio das badaladas
[Iniciamos unha nova sección no noso blogue destinada a informarvos de que lecturas na nosa lingua están a desfrutar os rapaces e rapazas das distintas etapas do noso colexio, co obxectivo tamén de crear un espazo no que podan comentar o que lles veña á cabeza sobre as mesmas. Inaugurámola, como podedes comprobar, cun dos grandes clásicos da nosa literatura infantil e xuvenil, de cuxa publicación se veñen de cumprir nada máis e nada menos que 25 anos.]
O misterio das badaladas
Xabier P. DoCampo
(1986)
No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova. Mais cando isto suceda e cheguemos á última páxina do libro, abrirase un novo misterio que desafiará a perspicacia e a intelixencia do lector.
Eu tamén o lin de rapaz! Canto me gustara! Aínda me lembro da portada!
29/11/2011 ás 22:40
Todo un clásico; dos libros que máis grato recordo gardo da miña época e, pufff, xa choveu….
30/11/2011 ás 10:13
Vaia, a mín tamén me trae recordos da miña época do instituto. E lembro que foi un dos que con máis interese e gañas lín.
30/11/2011 ás 10:37
Eu tamén o lin, todo un clásico da literatura xuvenil.
30/11/2011 ás 21:52
Lembro que tiña un final aberto; descuberto o misterio, o reloxo aquela noite aínda soara outra vez trece veces. O autor convidaba a volver sobre o libro para saber o porqué. Daquela eu non conseguira descubrilo, tería que probar a poñerme hoxe a ver como vai a cousa… :-)
30/11/2011 ás 21:53
Eu tampouco o descubrín.
01/12/2011 ás 19:11
Moi agradecido e moi honrado. Apertas a todas e a todos.
18/01/2012 ás 00:27