A mellor canción de Manuel Rivas
Desde esta mañá coñécense os gañadores da XV Edición dos Premios da Música e, polo tanto, cal é, a xuízo dos membros da Academia das Artes e das Ciencias da Música, a mellor canción en galego de entre as publicadas o ano pasado.
E parece que coincide cos vosos gustos, posto que se trata de Alalá da Noite, de Berrogüetto.
Esta canción, composta por Quico Comesaña e Xabier Díaz, ten como letra un poema que Manuel Rivas lle enviou ao grupo como regalo tras o concerto no que este último se presentou como novo membro da formación.
Xa vos trouxéramos a canción, hoxe achegámosvos o poema que lle da a forma.
Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.
No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se poidera afogare
na ardora dunha misteira.
O que eu soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)
Precioso, non?
Alalá da noite + Astrea
Berrogüetto
Pazo da Cultura de Pontevedra (2010)
Spotify
Deixar unha resposta