Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 27/04/2011

18 comidas = 7 premios

Como nos cadrou en plena Semana Santa, aínda non vos faláramos da gala dos Premios Mestre Mateo 2010.

Celebrouse o pasado domingo 20 de Abril, resultando a gran triunfadora da noite a cinta 18 comidas, que obtivo 7 premios, entre eles o de mellor longametraxe e o de mellor dirección. Tamén destacou Crebinsky, con 4 premios, entre os que sobresae o de mellor interpretación masculina protagonista para Miguel de Lira.

No apartado televisivo, como xa apuntábades nas nosas enquisas, Land Rober quedou co premio ao mellor programa de TV e o seu presentador, Roberto Vilar, co de mellor comunicador televisivo.

Co que non acertástedes foi co premio á mellor serie de TV, que foi parar a Matalobos.

Por último, destacar tamén que dúas iniciativas relacionadas coa promoción da lingua galega das que xa vos falamos por aquí, a campaña Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego e GalegoLab, conseguiron os premios aos que optaban.

Podedes consultar a lista completa dos premiados na seguinte ligazón, e se queredes ver como foi a gala, que estivo conducida por Xose A. Touriñán e Belén Regueira, podedes facelo aquí.

Noraboa a todos!