Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 13/04/2011

Tedes unha idea?

Seguimos repasando aquelas candidaturas aos Premios Mestre Mateo 2010 que teñen relación coa promoción da lingua galega. Hoxe é o turno de GalegoLab, que aspira ao premio de mellor obra interactiva.

Que é GalegoLab? Pois trátase dunha rede social de crowdsourcing (esperade, agora volo explico) que ten como obxectivo impulsar accións a prol da lingua galega. Como? Pois a través dunha páxina web (galegolab.org) e dos aportes dos seus usuarios. Iso é  o crowdsourcing: a combinación do traballo e os recursos dunha colectividade a través dun sitio web e perseguindo un fin determinado.

Por exemplo: eu teño unha idea dirixida á promoción do galego. Por exemplo: que Twitter esté en galego, chegar aos 100.000 artigos en galego na Wikipedia, que o Deportivo e o Celta empreguen o galego nas súas comunicacións… Pois o que teño que facer é presentarlla á comunidade: explicala, enumerar o que se necesita para levala a cabo e os obxectivos que se pretenden acadar, como se debería desenvolver, fixar un prazo de execución e, finalmente, explicitar cal sería a miña aportación, posto que podo limitarme a propoñer a idea ou facerme cargo da mesma.

A partir deste punto, se GalegoLab o aproba e os usuarios a respaldan, a miña idea transformarase nun proxecto, abríndose un prazo de ata tres meses para conseguir os recursos (colaboradores, material, diñeiro…) necesarios para a súa realización.

Pasádevos por galegolab.org e botádelle un vistazo ás ideas que se están a valorar, aos proxectos nos que se pode colaborar e aos xa realizados.

E se tedes unha idea….