Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 31/03/2011

TomTom GO LIVE 1005 Beade

Supoño que se vos pregunto por unha marca de navegadores GPS, a primeira que vos vén á cabeza á maior parte de vós é TomTom. Pois ben, agora, entre as voces que podemos elexir para que nos leven alí a onde queiramos chegar atópase a dunha rapaza de 3º da ESO do IES de Beade.

Hai uns meses o Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística deste instituto vigués decidiu que xa era hora de paliar unha grave carencia que presentaban os dispositivos TomTom, e é que entre os centos de voces dispoñibles non era posible atopar nin unha soa que se correspondese co idioma galego. Así que se puxeron mans á obra e transformaron a voz de Irene Luaces, unha alumna do centro, no que hoxe podemos atopar no programa que permite administrar os contidos dos navegadores TomTom, o TomTom HOME: a voz Irene-IES Beade.

Na páxina do IES de Beade explícannos como instalar esta voz en galego no noso dispositivo TomTom:

PROXECTO TOMTOM

O Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística vén de crear unha voz en galego para os GPS TomTom. A voz é de Irene Luaces, alumna de 3º ESO-C. Se queres utilizala tes que escoller unha destas dúas opcións.

1. A voz está compartida no servidor de TomTom, polo tanto podes utilizar o programa TomTom HOME para descargala e instalala automaticamente no teu navegador GPS. Para buscar a voz escribe Irene-IES Beade ou pon galego como filtro.

2. Descarga desde esta mesma páxina o ficheiro, descomprímeo no teu ordenador e, co explorador de cartafoles de windows, copia os tres ficheiros (data90.chk, data90.vif e data90.bmp) no cartafol voices do teu TomTom.

Agora xa só tes que seleccionar a voz no navegador GPS.

Eu veño de instalala (podédela descargar aquí).  A que soa ben?