Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 24/03/2011

O complexo comercial máis grande de España. En Galicia… pero non en galego

O vindeiro 14 de abril, na Coruña, abrirá as súas portas Marineda City, nese momento converterase no complexo comercial e de ocio máis grande de España, así como no terceiro máis grande de Europa. Unha superficie de máis de 500.000 m², 1 hotel de catro estrelas, 13 salas de cine, El Corte Inglés, HipercorIkeaBriCor, Decathlon, Primark… así ata chegar aos máis de 400 millóns (marea, non?) de € invertidos.

E como xa queda menos de un mes para a apertura, chegou o momento de darse a coñecer. O mércores da semana pasada púxose en marcha unha masiva campaña publicitaria con protagonistas galegos: a periodista Julia Otero e os actores Manuel Manquiña e María Castro. Así mesmo, os escenarios son lugares emblemáticos da xeografía galega como a coruñesa Praza de María Pita, a da Ferraría de Pontevedra, a Muralla de Lugo, o Náutico de Vigo, As Burgas de Ourense, a praza do Obradoiro ou o noso Castelo de San Felipe.

Non atopei forma de traer o vídeo do anuncio que se está a emitir en televisión estes días (en canto estea dispoñible edito e engádoo), pero o que si vos podo achegar é parte da campaña gráfica:

Recapitulemos: protagonistas… galegos, escenarios… galegos, idioma… galego? Non, en absoluto (máis aló dun anecdótico a esgalla que solta Manquiña mediado o spot). Só me chama a min a atención?

Penso… ao mellor hai varias versións do anuncio (ás veces pasa), así que pode haber unha en galego. Para comprobalo diríxome ao sitio web do complexo e… auga. Non só non hai rastro de tal versión, nen sequera hai rastro do galego en dita páxina (algún documento en inglés…).

Do que si me entero é que nas redes sociais, máis concretamente no perfil de Marineda City en Facebook, está en marcha un concurso. Consiste no descifrado dunha serie de pistas que os protagonistas da campaña nos van ir proporcionando en sucesivos vídeos co obxectivo de atopar unha chave que leva asociada un premio en metálico. Hai unha chave en cada unha das principais cidades galegas. Esta sería a primeira pista da chave de Ferrol:

Tampouco houbo sorte aquí, segue sen aparecer o galego por ningún lado (na conta de Twitter do complexo tampouco). Repito: só me chama a min a atención?

Sigo pensando… ao mellor o que pasa é que a campaña é de ámbito estatal e non me enterei. Compróboo, pero non: o único sitio de fóra de Galicia onde se vai ver é… Ponferrada. De verdade: só me chama a min a atención?

“É que se trata dunha empresa privada, pode facer o que lle pete” dirá algún. Xa, pero é que nestas circunstancias resulta irónico que o eslogan da campaña sexa “gallegos presumiendo”, que se diga que a campaña intenta convencernos de que o proxecto é “de todos los gallegos, y del que podemos sentirnos orgullosos” e que remate cun “Marineda City. Es de Galicia”. Polo menos pódeme chamar a atención, non?

E a vós? Que vos parece? Por aquí gustaríanos coñecer a vosa opinión.


Serán en galego | Marzo

Ao igual que en anteriores ocasións, este derradeiro xoves de mes celebraremos a correspondente reunión de Serán en galego e, ao igual que en anteriores ocasións, animamos a participar a tódolos membros da comunidade educativa do Colexio Lestonnac. Lembrade que se necesitades (ou simplemente desexades) traer aos vosos fillos, temos programadas para eles actividades alternativas ao faladoiro principal.

Xa sabedes que se estades interesados en participar, podédesvos anotar na Secretaría do Centro.