Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 23/03/2011

Naceron dous corvos brancos!

Dende 1996 e ano a ano, a Internationale Jugendbibliothek München (a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic, vaia) vén elaborando unha lista cos mellores libros infantís e xuvenís recentemente editados. A lista, que recibe o nome de White Ravens (corvos brancos) compóñena 250 títulos “de interese internacional que merecen unha recepción más ampla debido á súa temática universal e/ou o seu excepcional e a miúdo innovador estilo e deseño artístico e literario” (de aí o de corvos brancos, pola súa singularidade).

Os libros son seleccionados polos especialistas da lingua (Lektoren) da entidade de entre os publicados recentemente (en todo o mundo, ollo!). A correspondente a este ano 2011, que acaba de se facer pública, recolle publicacións en 36 linguas distintas e abarca un total de 52 países (podedes consultala ordeada por idioma aquí e por país aquí)

E por que vos falamos dela? Pois porque entre eses 250 títulos que conforman a lista de 2011 coáronse dous editados no noso idioma. Son O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro (e ilustracións de Ramón Trigo), editado por Xerais

Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubriá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.

, e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (si, David Pintor e Carlos López, os humoristas gráficos de La Voz de Galicia), editado por Kalandraka.

Os contos para antes de durmir han de ser curtos; non como aquel conto tan longo que, cando se acababa de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio. Ou aquel tan longo no que os nenos quedaban durmidos pola metade e logo tiñan que soñar o final. Aínda que o conto máis longo que coñecemos é tan longo que cando se remata de contar, o neno xa é adulto.

Dous títulos que se unen aos máis de trinta distinguidos nos últimos quince anos (de feito non é a primeira vez que Marcos Calveiro ou Ramón Trigo reciben tal recoñecemento). Se queredes ver de que obras estamos a falar, pinchade na imaxe inferior para acceder a unha listaxe das mesmas.