Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 14/03/2011

ガリシアをこよなく愛する日本人。

O pasado venres espertábamos con preocupantes novas chegadas dende o Xapón. O terremoto de 9 grados de magnitude e o posterior tsunami deixan a estas horas máis de 1600 mortes confirmadas (e o temor de que a cifra se achegue ata as 10000), cidades arrasadas e unha crise nuclear entre as mans. Vaia dende aquí a nosa solidariedade co pobo xaponés.

E co Xapón nas nosas mentes, queremos aproveitar para contarvos unha pequena historia que chegou ata nós grazas á cobertura informativa da catástrofe.

Masashi é o nome dun rapaz xaponés que estivo vivindo (e estudando) uns anos en Santiago de Compostela, e a pesar de que xa hai case tres que marchou, quedoulle desa experiencia un gran cariño pola nosa terra… e polo noso idioma. Dende febreiro de 2007, Masashi vén relatando no seu blogue Imos a Galicia!/Imos a Xapon! (blog.livedoor.jp/galicia) as súas vivencias dende que coñeceu Galicia; ao comezo en castelán (e en xaponés, claro) e, a medida que o vai descubrindo, tamén en galego. Unha lectura rápida lévanos a presenciar os seus encontros coa flora e coa fauna santiaguesa, así como os seus contactos coa nosa “boa lingua”.

Na paxina web de “Imos a Galicia!/Imos a Xapon!” quero introducirvos a cultura xaponesa aos galegos e a cultura galega aos xaponeses! O intercambio cultural construira unha boa relacion entre Galicia e Xapon. Podedes deixar comentario en galego, castelan, ingles ou xapones!

Por se isto fose pouco, Masashi é un dos autores dun libro sobre Galicia que se acaba de publicar no Xapón, no que el escribe sobre a historia e a política da nosa rexión.

Contábao hai uns días a través do seu perfil en Twitter. Nesta rede social escribe como o usuario @galiciaxapon e preséntase como Masashi (GZ+XP). “Eu son xapones! Gostame Galicia!! ガリシアをこよなく愛する日本人 dinos a súa biografía.

Foi precisamente a súa actividade en Twitter a que fixo a este xaponés licenciado en dereito ser noticia durante esta fin de semana en Galicia. Masashi, que agora reside en Toquio, está vivindo en primeira persoa as consecuencias do terremoto do venres e estánolo contando a través de Twitter… en galego!

Así que xa sabedes, se queredes entender o que está a suceder en Xapón, @galiciaxapon explícavolo ben clariño. Nin que fose do mesmo barrio de Caranza!