Linguas cruzadas: unha viaxe coa mocidade galega dende Castro de Rei á Coruña
Un dos documentais que podiamos atopar en flocos.tv ata o seu peche era este Linguas cruzadas.
Dirixido por María Yáñez e Mónica Ares hai catro anos, ten como fío condutor as historias de cinco rapaces: María, Roli, Fer, Andrés e Lilian. De procedencia diversa, exemplifican cinco formas distintas de achegarse á lingua galega. No camiño atopámonos con outras moitas historias que rematan por conformar un completo retrato da situación do noso idioma entre a mocidade galega.
Aquí vos deixamos o tráiler deste curioso traballo…
para metervos ganas de velo enteiriño.
Réquiem por flocos.tv
Aínda non vos presentáramos neste blogue a web flocos.tv. Tiñamos un artigo a medio escribir, pero quedará sen publicar, porque o pasado luns a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) pechaba este sitio web orientado á difusión do cinema galego.
Flocos.tv funcionaba como unha sorte de videoclube no que se almaceaban máis de 300 títulos do audiovisual galego dispoñibles para a súa visualización en liña. Longametraxes de ficción, de animación, curtas, documentais… todas elas producidas na nosa terra e a maior parte realizadas na nosa lingua.
Este era o aspecto que tiña ata o luns pasado:
E este o que ten agora:
Unha verdadeira mágoa que un proxecto tan interesante como este quede sen concluir (a actualización dos seus contidos interrompérase hai xa un par de anos, quedando máis de 300 pezas por dixitalizar), pero máis aínda que bote o peche. Oxalá este baleiro que deixa flocos.tv sexa temporal e pronto poidamos desfrutar dalgunha nova páxina que tome o seu relevo, pero moito nos tememos que isto non vai suceder (polo menos en breve).
Afortunadamente, todavía existen formas de desfrutar dalgunha destas produccións a través de internet (YouTube, Google videos, Vimeo…) e páxinas que nos guíen na nosa busca, así que… mans á obra!
Comentarios recentes