Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 24/02/2011

Berro + gueto + Soweto…

… = Berrogüetto.

Agora que veñen de iniciarse as emisións de Radio Xavedes! ;), vémonos na obriga de aumentar a nosa discoteca.

Farémolo pouco a pouco: canción a canción ou disco a disco. Hoxe optamos pola segunda das opcións.

Berrogüetto naceu en Vigo na primavera de 1995, cando seis músicos (outro día falaremos da prehistoria do grupo) se reúnen para acabar de conformar un proxecto musical que pretende emprender unha viaxe cara ao futuro a través da música celta tradicional galega. Eses seis membros fundadores de Berrogüetto son Anxo Pintos (zanfona, gaita, saxo soprano, violín e teclado), Guillerme Fernández (guitarras), Isaac Palacín (percusión), Quico Comesaña (bouzouki e harpa), Paco Juncal (violíns) e o cedeirés Santiago Cribeiro (acordeón e teclados).

A tarefa de poñerlle nome ao grupo resolveuse coa creación dun novo vocábulo: Berrogüetto. O seu significado: “o grito dos oprimidos”, deriva da conxunción de berro, de gueto e de Soweto (o barrio da cidade de Iohannesburgo de onde partiu a revolución que rematou co apartheid en Sudáfrica e deu lugar á chegada da democracia a ese país).

De xeito igual de brillante resolveron o seu primeiro traballo, Navicularia (1996), un disco que supuxo (e non esaxeramos) un antes e un despois para a música tradicional galega.

O perfecto equilibrio acadado entre tradición e modernidade, xuntando cancións tradicionais e temas de composición propia, converteuno nun álbum imprescindible, que colleitou un importante éxito de crítica (Premio da Asociación da Crítica Alemá do Disco ao Mellor Disco de World Music) e público.

Para ilustrar o que era o seu directo por aquela época e aquela xira que os levou a pisar o escenario dos principais festivais internacionais (aínda lembro o seu concerto no Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira no ano 1998), teremos que conformarnos con este algo posterior Rosendo en Sabaxáns, no que os acompañan (ao igual que en catro dos temas do disco) as pandereteiras de Cantigas e Agarimos.

A listaxe completa dos temas que compoñen o álbum é a seguinte:

  1. Navicularia Spotify | Grooveshark
  2. Valseiro Spotify | Grooveshark
  3. Rosendo en Sabaxáns Spotify | Grooveshark
  4. Vilalbalcán I Spotify | Grooveshark
  5. Vilalbalcán II Spotify | Grooveshark
  6. Anubía Spotify | Grooveshark
  7. Cancro crú Spotify | Grooveshark
  8. Jota de Mórdomo / Danza de Gargamala Spotify | Grooveshark
  9. Mornoambarina Spotify | Grooveshark
  10. Jota de gheada Spotify | Grooveshark
  11. O mandil Spotify | Grooveshark

Lembrade que dende hai un par de días tedes á vosa disposición as nosas recomendacións musicais na páxina Radio Xavedes!, onde podedes atopar dende este mesmo instante esta xoia do folk galego.