Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 21/02/2011

Hoxe é o Día Internacional da Lingua Materna 2011

O Día Internacional da Lingua Materna vénse celebrando dende que en 1999 foi proclamado pola UNESCO para promover a diversidade lingüística e cultural e o multilingüismo. A data lembra o 21 de febreiro de 1952, cando os estudiantes da Universidade de Dhaka (hoxe Bangladesh, por aquel entón Paquistán), que se manifestaban polo recoñecemento da súa lingua, o bengalí, coma un dos idiomas nacionais de Paquistán, foron tiroteados pola policía e o exército paquistaní, resultando dous deles mortos.

Esta edición do DILM xira ao redor das TICs, a través do lema As tecnoloxías da información e da comunicación para a protección e a promoción das linguas e da diversidade lingüística.

E como iso é o que, precisamente, facemos dende este blogue, e para lembrar o lugar que, como non, ocupa o idioma galego, lingua materna de moitos de nós, dentro desta celebración (unha celebración que presta especial atención ás linguas minoritarias, xa que son as que se atopan nunha situación máis difícil), aquí vos deixamos un par de presentacións elaboradas para tal fin pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A primeira delas recórdanos a riqueza que supoñen esas máis de 6000 linguas existentes no mundo. Pincha na imaxe superior para descargala en formato audiovisual (.avi), aquí para descargala en formato presentación (.ppt) ou aquí para vela en formato pdf.

A segunda (corresponde á celebración do ano pasado, pero é igualmente interesante) convídanos, como vos convidamos nós dende aquí, a celebrar a nosa lingua non só o día de hoxe, senón o ano enteiro.


Leccións de música tradicional

Acabo de ler no periódico que o gaiteiro Carlos Núñez estará a finais do mes de abril na nosa cidade (os días 29 e  30 concretamente) con motivo de asistir a un congreso de música tradicional que organiza o Real Coro Toxos e Froles, decano dos coros galegos e toda unha institución no mundo da música galega.

Deste xeito retoman un proxecto que comezou xa fai case 12 anos, di, e que o Coro o toma como un intento de dar á música e á propia entidade a importancia que merecen. Completarán o cartel do congreso outras figuras importantes como Carlos Beceiro (músico naronés integrante de La Musgaña), o coro Treixadura e, tamén, o director do Museo da Gaita de Xixón. Dende logo unha interesante proposta para todos aqueles amantes ou “curiosos” da música da nosa terra.