Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 18/02/2011

Instrucciones para aprender a hablar gallego

Welcome to the best method to learn Galician!

Bienvenu à la meilleure mèthode por appendre le galicien!

El primer paso que debería dar la persona que pretenda empezar a hablar gallego es sacarse unha fotografía tamaño carné para tener un recuerdo de cómo era antes de saber hablar gallego.

El segundo paso requiere un esfuerzo algo mayor: enfrentarse a leer sin miedo en la lengua objecto del aprendizaje. ¡Suerte!

E xa estamos no terceiro paso, que ten que ver co método Bulinsky de interpretación teatral, que consiste en asumir o papel dun personaxe que está aprendendo unha lingua con todas as consecuencias dramáticas que iso conleva.

Así, por exemplo, pode disfrazarse cun sombreiro de copa ou bigotes falsos ou perruca e dicir no supermercado, por poñer un caso, as súas primeiras palabras en galego en boca do seu personaxe: Por favor, onde están os cepillos de dentes?

A finalidade do disfrace -recomendado para a xente máis tímida- é pasar desapercibidos diante das persoas coñecidas que nesta etapa da aprendizaxe, nalgúns casos, poden facer fracasar a misión con frases pouco animosas do tipo:

– ¿Y luego ahora hablas gallego? Pues te veo rara (cun ton burlón).

– Uy, que gracioso estás… (cínico).

– ¿Y qué dicen tus padres de todo esto? (incrédulo).

– ¿Y cómo te dio por ahí? (asustada).

– Ostia colega, ¿y tú de qué vas? (molesto).

– Aún si lo hablaras bien… (indignada).

– Nótase que non o mamaches (purista).

A maioría da xente que di esas parvadas non ten mala intención, máis ás veces escápansenos estas cousas que teñen botado para atrás, aínda que pareza mentira, a algunhas persoas que, cando algún día intentaron falar galego, non o conseguiron debido á presión do que dirán.

O “que dirán” é unha desas cousas que pode preocupar a unha nai cando seu fillo rouba un banco, por poñer un caso, mais realmente falar unha lingua non ten as mesmas consecuencias. Hai que ter claro, iso si, que esta será unha pregunta que pode crear inseguridade: Y si empiezo a hablar gallego, ¿qué dirán?

Nunha categoría semellante estaría o “que pensarán”, o que nos fai reflexionar sobre a importancia da psiquiatría no proceso de aprendizaxe e uso da lingua galega.

O cuarto paso para comezar a falar galego é rirse dos propios erros antes de que se ría outra xente. Hai que levar con humor eses pequenos disparates e interferencias do tipo “Ese libro é miño” ou “Voute pegar unha leite” sabendo que ningunha persoa na Historia pasoudo do estado A: Non falar unha lingua ao estado C: Falar ben unha lingua sen un período intermedio B: Falar máis ou menos mal esa lingua.

A xente que saiba ler pode atopar algo de axuda nos libros. Nos dicionarios veñen case todas as palabras ordenadas do A ao Z.

A xente que non saiba ler ou prefira non facelo que non se preocupe. Hai moitos casos de personas que nunca leron un libro en galego e o falan perfectamente.

Estamos chegando ao final, entrando xa na etapa de desmitificación da lingua galega, cando descubrimos que realmente o galego é unha lingua coma outra calquera, sen aparentes poderes trascendentais engadidos. E así podemos sorprendernos un día preguntándolle a hora en galego a alguén con toda naturalidade, sen darnos conta.

Conseguido o noso obxectivo, descubrimos de maneira sorprendente que, contra o que pensa algunha xente, para falar galego non é imprescindíbel ser independentista nin necesario ir vivir a unha aldea.

O último paso destas instrucións para falar galego non ten volta atrás: Chegou a hora de comparar a antiga foto carné coa nosa imaxe actual nun espello e comprobar que todo segue no mesmo sitio.

Os cambios son imperceptíbeis, e calquera transformación inesperada só pode ter como explicación o paso do tempo ou calquera outra incidencia allea á lingua galega.

Sechu Sende: “Made in Galiza” (2007)