Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 16/02/2011

Falar sen parar e dicindo cousas sen xeito

Esta é a definición da RAG do verbo latricar. Que a que ven isto? Pois veredes. Hai uns días informábamosvos de que o noso blogue está en Twitter, a rede social de mensaxes curtas que tanto está dando que falar nestes días. Pero Twitter ten certas carencias, e é que, ao contrario que outros sitios como Facebook ou WordPress (o servicio de aloxamento de blogues no que nos movemos), non está dispoñible en galego. Para subsanar estas deficiencias está latri.ca, a rede de microblogging (ou como lle chamen) en galego.

Latri.ca vén sendo un Twitter á galega, pensado para que persoas que falan galego ou se atopan na nosa terra se comuniquen a través de 200 caracteres (porque, din, os 160 de Twitter non nos chegan aos galegos ;)), aos que se lle poden sumar ligazóns, fotos, vídeos ou arquivos de calquer tipo.

E nós, que non queremos deixar de apoiar aquelas iniciativas que contribúen a dotar á lingua galega dunha maior presenza na rede, puxémonos mans á obra e xa temos perfil en latri.ca (latri.ca/Xavedes).

Animádesvos a latricar?