Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Arquivo para 15/02/2011

As cunchas, o pandeiro, as tarrañolas…

… a zanfona, o charrasco, a gaita… Na música tradicional galega coñécense máis dun centenar de instrumentos.

Hoxe querémosvos falar do traballo de Pablo Carpintero. Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (onde foi profesor de Bioquímica), pero tamén gaiteiro e artesán, é unha das principais figuras no campo da recuperación e conservación do Patrimonio Cultural Inmaterial (coñecementos, instrumentos, tradicións…) galego. No ano 2009, Carpintero publicou o libro “Os instrumentos musicais na tradicións galega”, un completísimo traballo de investigación no que cataloga uns 150 instrumentos.

Nesta obra descríbese cada instrumento, como se constrúe, como se toca, de onde procede o seu nome… Dende as castañolas á pandeireta, dende as noces ao acordeón, sempre coa compaña das ilustracións do debuxante Ramón Marín e de gran cantidade fotografías.

O caso é que hai unhas semanas presentouse a versión interactiva deste libro que chegou a ser un dos máis lidos en lingua galega, unha versión dixital que enriquece a versión en papel coa incorporación de diferentes sons e vídeos e que se atopa dispoñible para todos nós na páxina web do Consello da Cultura Galega. Na seguinte ligazón: www.consellodacultura.org/asg/instrumentos/. Botádelle un vistazo porque é, de verdade, unha verdadeira marabilla.

E se queredes coñecer mellor a Pablo Carpintero e o seu traballo, o mércores pasado foi o protagonista do programa da TVG Alalá. Pinchade aquí para reproducilo.