Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

O último

50 carteis

Outra interesantísima iniciativa que se levou a cabo co gallo do 50 aniversario do Día das Letras Galegas foi o caderno que o diario Faro de Vigo publicou o 17 de maio. Un caderno que fai un percorrido polas figuras homenaxeadas ao longo destes cincuenta anos a través dunha serie de 50 carteis realizados por cadanseu deseñador, carteis que van acompañados dun breve texto obra dun escritor galego da actualidade. A modo de exemplo, aquí tedes o correspondente ao homenaxeado deste ano.

Se pinchades aquí, podedes descargalo ao completo. Facédeo, que paga a pena botarlle un vistazo. [Ademais, dende esta nova da páxina web da Real Academia Galega, podedes descargalos individualmente]

50 anos

Por certo, que o pasado xoves celebramos un Día das Letras Galegas especial, posto que se tratou da quincuaxésima edición da festa das nosas letras. Un cincuenta aniversario que ten símbolo oficial de seu.

Un L de 50 (en números romanos), de letras, de lingua, de libros, rodeado dun corazón que semella latexar de afecto.

Bonito, verdade?

Cando ti volvas…

NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte;
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare;
cando ti chegues polo mare…

Galiza, 1954

Valentín Paz-Andrade: “Pranto matricial” (1955)

Compromiso con Galicia

E como o Día das Letras Galegas está a punto de chegar, propoñémosvos coñecer un pouco mellor a figura do homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade, a través do documental Compromiso con Galicia, realizado polo CPI dos Dices.

O incerto señor Cunqueiro

Onte á noite poidemos desfrutar en La 2 deste marabilloso documental sobre Álvaro Cunqueiro, así que hoxe imos aproveitar que se atopa dispoñible na rede para traérvolo ata o noso blogue.

Por se se vos pasou. ;)

Cita! | Antón Villar Ponte

“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal.”

Antón Villar Ponte

María Casares Total

Outros galardóns que se veñen de entregar recentemente (a semana pasada) son os XVI Premios de Teatro María Casares.

E cal foi a gran triunfadora? Pois este foi o ano do Grupo Chévere, posto que a súa obra Citizen Total logrou facerse con 5 dos 8 galardóns aos que optaba, entre eles o de mellor dirección para Xesús Ron e o de mellor espectáculo. As outras favoritas, A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego, e Oeste Solitario, de Produccións Teatrais Excéntricas, tivéronse que conformar con dous e tres premios respectivamente.

A relación completa dos gañadores é a seguinte:

- Mellor maquillaxe: Trini Fernández Silva (A Ópera dos tres reás)

- Mellor vestiario: Carlos Alonso (A Ópera dos tres reás)

- Mellor escenografía: Paco Conesa (Piratas, de Teatro do Noroeste)

- Mellor iluminación: Octavio Mas (Oeste Solitario)

- Mellor música orixinal: Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total)

- Mellor adaptación – tradución: Avelino González (Oeste Solitario)

- Mellor texto orixinal en galego: Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Sechu Sende (Pelos na lingua, de Talía Teatro)

- Mellor actriz secundaria: Mónica García (Citizen Total)

- Mellor actor secundario: Vicente de Souza (Tango, de Sarabela Teatro)

- Mellor actriz protagonista: Patricia de Lorenzo (Citizen Total)

- Mellor actor protagonista: Evaristo Calvo (Oeste Solitario)

- Mellor dirección: Xesús Ron (Citizen Total)

- Mellor espectáculo: Citizen Total

Doentes e engurrados

Temos pendente informarvos do resultado final de varios dos premios dos que vos temos falado nas últimas semanas. Por exemplo, de quenes foron os gañadores dos Premios Mestre Mateo 2012, dados a coñecer o pasado 28 de abril na cidade da Coruña.

As grandes triunfadoras da noite, con 5 galardóns cada unha foron dúas longametraxes: Doentes

e Engurras (xa vos falamos desta película de animación hai unhas semanas neste blogue).

A primeira delas acadou os premios á mellor longametraxe de ficción, ao mellor intérprete masculino protagonista para Antonio Durán “Morris”, dirección de producción, dirección artística e fotografía. A segunda, os de mellor longametraxe de animación, guión, dirección artística, son e música orixinal.

Moi de cerca seguiunas a serie Matalobos, que resultou premiada en catro ocasións. A longametraxe documental Tralas luces e a película para televisión Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde acadaron tres premios cada unha.

A destacar tamén a concesión do premio de mellor programa de televisión para Zigzag diario e o recibido por Roberto Vilar como mellor comunicador de televisión.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.