Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac

Colexio Lestonnac

Súmate ao galego

Sabedes que neste blogue nos encanta traervos calquer nova relacionada coa lingua galega, que nos encanta falarvos de música, de novas tecnoloxías, botar unhas risas… pero nada nos gusta máis que ensinarvos o froito do traballo dos nosos alumnos.

Xa é tradición que cada curso os rapaces e rapazas do 1º ciclo da ESO deseñen un lema co que promover o uso do galego entre a comunidade educativa do Colexio Lestonnac.  Ao igual que o ano pasado fora Énchete de galego, esta vez o elexido foi Súmate ao galego (Mario, arrasas).

Dado este primeiro paso, había que poñer rumbo á aula de Plástica (grazas de novo, Diego). Alí foi onde os rapaces de 1º de ESO elaboraron os carteis que dende a semana pasada animan aos que por aquí andamos (e a todo aquel que nos visita) a sumarnos, se non o temos feito xa, a esta lingua marabillosa.

E como queremos todo o mundo lembre que o galego só suma, nunca resta, iremos (ao igual que o fixemos o ano pasado) colgándovolos aquí tamén.


Ben por Mario e Ariana!

A noticia que vos traemos hoxe é das boas (pero das boas boas!). E é que dous alumnos do noso colexio veñen de ser premiados na 4ª edición do Concurso Novos Talentos. Premio Relato Curto (en galego), de Coca Cola, cuxa entrega de premios se celebrou o pasado venres no Auditorio de Galicia da cidade de Compostela.

Un segundo posto para Mario e un sexto para Ariana que nos fan moita ilusión… E a eles tamén, claro! (onte saían así de contentos no Diario de Ferrol).

Noraboa a Mario e Ariana (para que logo digan dos de Ferrol e o galego! ;) ) e, como non, tamén á gañadora, Carmen Novo González, do IES Vilar Ponte de Viveiro.


Festival 2012!

Como todos saberedes, a semana pasada celebramos o noso Festival das Letras Galegas no Colexio Lestonnac. Agora xa tedes á vosa disposición na páxina web do cole unha fotogalería coas instantáneas dese día. Pinchade aquí ou na imaxe inferior se queredes velas.

Grazas a todos os que colaborástedes. Ás rapazas do equipo, que exerceron de presentadoras do acto,

aos pequechos do cole, que nos axudaron a coñecer mellor a figura de Valentín Paz Andrade,

aos rapaces e rapazas de 1º B da ESO (que actorazos!),

aos nosos músicos,

a Mucha e Nucha (que nivel! ;) ),

aos maiores do Centro de Día de Caranza, que interpretaron unha canción co Corecho (grazas tamén!),

colaboraron na entrega dos premios do certame literario

e nos trouxeron un precioso regalo,

e, como non, a Óscar. O seu monólogo foi… olímpico! :D


Que están lendo… no 1º ciclo da ESO?

O escaravello de ouro e outros contos
Edgar Allan Poe
(2007)

Con sete dos contos máis coñecidos do escritor norteamericano, O escaravello de ouro penetra neses terreos do misterio e das tebras onde Edgar Allan Poe soubo crear maxistralmente unha atmósfera enrarecida e un espírito dominado pola angustia e o terror que tanto caracterizan a súa prosa. Poe, loubado por escritores como Baudelaire, foi un amante da beleza e da perfección, e fixo da súa vida un reflexo da súa obra.


Serán en galego | Abril

O vindeiro mércores é o último mércores do mes, así que toca Café en galego, o noso faladoiro de serán. Celebraremos a

4ª REUNIÓN

o

Mércores 25 de Abril ás 16:15

Animádesvos a participar?


Letras Galegas 2012

Animadevos a participar!

Podedes consultar as bases aquí.


A ESO na Costa da Morte

Os rapaces de 1º, 2º e 3º da ESO do noso colexio realizaron onte unha visita á Costa da Morte.

A primeira parada foi o Castro de Borneiro, en Cabana de Bergantiños,

seguida dunha visita ao célebre Dolmen de Dombate.

Despois, Camariñas,

o impoñente Cabo Vilán,

e, antes de poñer rumbo de volta a Caranza, Buño. 

Unhas marabillas! :)


Café en galego | Febreiro

Non podemos deixar que remate o mes sen convocarvos a unha nova reunión de Café en galego, o noso faladoiro de serán. A

4ª REUNIÓN

celebrarémola o

Mércores 29 de Febreiro ás 16:15

Animádevos a participar!


Que están lendo en… 2º da ESO? Corredores de sombra

Corredores de sombra
Agustín Fernández Paz
(2006)

Verán de 1995. No pazo dos Soutelo, ao facer unhas obras de restauración, descúbrese un esqueleto dentro dunha alfombra enrolada, oculto entre dous tabiques. Un cadáver emparedado hai máis de cincuenta anos, cun furado de bala na cabeza. Quen é o morto? Que man empuñou a pistola que o asasinou? Clara Soutelo, testemuña involuntaria da descuberta, asume o reto de desvelar o misterio que se agocha tras as dúas preguntas. Unha investigación complexa, que a levará a indagar no pasado da súa familia. Moito tempo despois, cando xa é maior, decídese a contar os sucesos daquel verán dos seus dezaseis anos, cando descubriu a plenitude do primeiro amor e mudou para sempre a súa forma de entender a vida. Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz é un thriller moral onde se pretende desvelar un dobre misterio (quen é o morto, quen o asasinou?) que conleva unha investigación, con momentos de grande tensión, e unha resolución na liña das mellores novelas negras. Mais tamén é unha novela sobre a progresiva toma de conciencia da xove protagonista obrigada a elixir o camiño polo que quere facer a súa vida, mesmo se iso implica opoñerse a súa familia e todo o que significa. Unha novela memorable que confirma a Agustín Fernández Paz como un dos narradores primeiros da literatura galega.


Que están lendo en… 1º da ESO? Cartas de inverno

Cartas de Inverno
Agustín Fernández Paz
(1995)

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.


Café en galego | Xaneiro

No mes de xaneiro tamén servimos Café en galego. Celebraremos a

3ª REUNIÓN

destes faladoiros o vindeiro

Mércores 25 de Xaneiro ás 16:15

Coma sempre, tódolos membros da comunidade educativa do Colexio Lestonnac estades convidados a participar.


Candeloria 2012

Anímate a participar!

Podes consultar as bases aquí.


Café en galego | Decembro

A vindeira semana celebraremos a reunión de Café en galego correspondente ao mes de decembro, polo que dende aquí animamos a tódolos membros da comunidade educativa do noso colexio a participar.

A

2ª REUNIÓN

queda pois fixada para o

Mércores 7 de Decembro ás 16:15


Que están lendo… no 1º ciclo da ESO? O misterio das badaladas

[Iniciamos unha nova sección no noso blogue destinada a informarvos de que lecturas na nosa lingua están a desfrutar os rapaces e rapazas das distintas etapas do noso colexio, co obxectivo tamén de crear un espazo no que podan comentar o que lles veña á cabeza sobre as mesmas. Inaugurámola, como podedes comprobar, cun dos grandes clásicos da nosa literatura infantil e xuvenil, de cuxa publicación se veñen de cumprir nada máis e nada menos que 25 anos.]

O misterio das badaladas
Xabier P. DoCampo
(1986)

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres…, dez, once… Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar até encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsábel do anormal comportamento do reloxo de Eiranova. Mais cando isto suceda e cheguemos á última páxina do libro, abrirase un novo misterio que desafiará a perspicacia e a intelixencia do lector.


Instrumentos de outono: o pandeiro


Instrumentos de outono: a gaita


Instrumentos de outono: a zanfona

Xa vos dixeramos que o alumnado de Primaria do noso cole estaba a preparar uns novos carteis con produtos outonais cos que repetir o éxito colleitado o ano pasado á hora de decorar o centro. Aquí os tedes: trátase dunha serie que poderiamos titular, por motivos evidentes, Instrumentos de outono. Hoxe, a primeira entrega: a zanfona.

Que ben soa!


Degustando os froitos do outono

O martes 8 de novembro de 2011, na etapa de Educación Infantil e o primeiro ciclo de Educación Primaria celebramos a chegada do outono realizando unha degustación, nas diferentes aulas, de froitos do outono tales como castañas, mazás, noces, améndoas, kiwis, plátanos, caquis, avelás…

Foi todo un éxito…


De volta co Samaín

Como xa saberedes, o noso cole volveu celebrar o Samaín este ano. O venres 4 de novembro levouse a cabo a tradicional exposición de cabazas realizadas con diferentes materiais onde o tema foi libre.

Houbo moita dedicación por parte de cativos e familias á hora de elaborar as cabazas. Dende aquí animamos a todas as familias a seguir levando a cabo esta bonita actividade e agradecémoslles enormemente a súa participación.


Outono (II)

Xa pasou o San Martiño, pero o o outono segue con nós. Á espera de traervos ata aquí algún dos murais elaborados con elementos outonais que decoran o noso colexio este ano, podemos lembrar algunha das marabillas do ano pasado.

Ourizo²!


Café en galego

Ola, familias. Como xa se vos informou hai uns días a través dunha circular, os compoñentes do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac querémosvos convidar a achegarvos ao centro e participar con nós (é o cuarto ano xa!) duns faladoiros de serán nos que o galego será a lingua vehicular.

Xa sabedes que a finalidade desta actividade non é outra que a de facilitar un espazo no que todos (pais, nais, alumnado, profesorado, veciñanza…) poidamos comunicarnos en galego con normalidade, de xeito que a nosa lingua chegue con máis facilidade ao ámbito familiar. Os temas? Estamos abertos ás vosas propostas.

Agradecemos o interese que amosástedes pola mesma e, tendo en conta as vosas preferencias, vimos de fixar a

1ª REUNIÓN

para o vindeiro

Mércores 2 de Novembro ás 16:15

(ás catro e cuarto da tarde, vaia).

Os rapaces e rapazas de 4º da ESO axudáronnos (grazas, Diego) deseñando uns carteis cos que darlle publicidade ao evento e que xa están colocados por todo o centro.

Xa vos fixariades en que este ano recuperamos a súa denominación orixinal, a de Café en galego, porque… seguro que na sobremesa nos presta. ;)

Animádevos a vir! E que non vos importe se o falades mellor, peor, máis, menos, ben, mal, sempre, nunca, moito, pouco, ás veces, bastante, nada…


Relato Fantástico 2011

Animádevos a participar!

Podedes consultar as bases aqui.


Ahí vén o outono

E non era sen tempo! Levabamos un outubro tan agosto que nin nos deramos conta de que chegara a hora de cambiar a imaxe de fondo do noso blogue por unha máis acorde coa tempada outonal… (grazas de novo, Ismael). Pronto comezarán as celebracións propias destas datas (o samaín, o magosto…), e creo que os nenos e nenas de primaria do noso colexio teñen pensado volver sorprendernos cos seus murais elaborados con elementos outonais.

O ano pasado quedaron bárbaros. Que vos parece este? Aproveitando que o pasado 9 de outubro se cumpriron 71 anos do seu nacemento…

Un John Lennon do país!


Énchete de galego (XII)

Quedáranos un!


Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.